Murillo, Bartolomé Esteban

Murillo, Bartolomé Esteban

Pintor barroco. Está considerado un dos máis destacados representantes de pintura relixiosa española. Orfo desde os nove anos, iniciou a súa formación cun parente da súa nai, Juan del Castillo. A pegada do seu mestre deixouse sentir especialmente na primeira etapa da súa pintura, caracterizada polo naturalismo (Virgen del Rosario con Santo Domingo, para o pazo arcebispal de Sevilla), pero tamén recibiu influencias de Roelas, Francisco de Herrera el Viejo e de Zurbarán, que se manifestaron no emprego do claroscuro e no modelado das figuras, aínda con certa rixidez (San Diego dando de comer a los pobres, 1646). O seu interese polos tipos populares exemplificouse nas series de galegas (Vieja hilando ou Gallegos en la ventana) e nos cadros de nenos (Niños comiendo melón y uvas (1650) ou Muchachos expulgándose), en que representaba rapaces humildes inmersos nunhas escenas cheas de ledicia e xovialidade, en que comezou a empregar contornos flexibles e volumes brandos. En 1656 pintou Visión de San Antonio para a catedral de Sevilla, obra en que se manifestou como un autor plenamente barroco, cunha evolución marcada de maneira determinante pola influencia de Francisco Herrera el Joven, abandonando a escala monumental e a composición equilibrada de épocas anteriores e optando pola animación visual. En 1658 viaxou a Madrid e coñeceu a Velázquez, quen lle facilitou o acceso ás coleccións reais e, como consecuencia, á pintura de Tiziano, Rubens e A. van Dyck, entre outros. A súa influencia permitiu o seu distanciamento do tenebrismo da escola sevillana, para dar paso a unha total desdramatización, especialmente nas escenas relixiosas, marcadas por trazos lixeiros, entonacións cálidas e luces douradas que recreaban atmosferas vaporosas, cargadas de apacibilidade e emotividade (El nacimiento de la Virgen, 1660). En 1660 fundou, con Herrera el Joven e Valdés Leal, a Academia de Sevilla -primeiro exemplo académico en España-, da que foi o primeiro director, ademais de docente. Entre os anos 1662 e 1665 pintou un conxunto de lenzos para a igrexa de Santa María La Blanca, dos que destacan El sueño del patricio Juan e Visitación del matrimonio al Papa para exponerle su visión, de grande orixinalidade compositiva. En 1665 ingresou na Cofradía de la Santa Caridad, creada por Miguel de Maraña, e para o seu hospital pintou unha serie de lenzos, dos que destacan Santa Isabel de Hungría curando a los leprosos, La multiplicación de los panes y los peces e La curación del paralítico. Ademais das obras coas que decorou a igrexa dos capuchinos de Sevilla en 1676, destacou especialmente polas súas representacións de Inmaculadas, como Inmaculada de Soult (1678), repleta de cor e dinamismo. Durante a última época da súa vida adicouse a realización de retablos como o de San Agustín e o de Santo Tomás de Villanueva. Como retratista destacan as representacións de Don Nicolás Omazur, Don Andrés de Andrade ou os seus autorretratos. A súa última obra foi un gran lenzo para o convento dos capuchinos de Santa Catalina de Cádiz; mentres o pintaba caeu dunha estada e, a consecuencia do golpe, morreu pouco tempo despois.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Sevilla

  • Deceso