Muros, comarca de
Comarca situada no S do litoral da provincia da Coruña. Esténdese aproximadamente desde os 42° 50’ aos 42° 46’ de latitude N e desde os 9° 09’ aos 9° 03’ de lonxitude O. Limita ao N coa comarca de Fisterra (concello de Dumbría), ao L coas comarcas de Xallas (concello de Mazaricos) e Noia (concello de Outes), ao S co Océano Atlántico, coa ría de Muros e Noia e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 142,9 km2, en que acolle unha poboación de 15.636 h (2001) distribuída nos concellos de Carnota (70,09 km2; 5.480 h) e Muros (72,9 km2; 10.156 h). A densidade demográfica é de 108,73 h/km2(superior á media galega de 91,15 h/km2en 2001). A vila de Muros é a rectora da comarca. Trátase dunha comarca costeira e turística que configura unha parte do SO da provincia da Coruña.
Xeografía física
O territorio que forma a pequena comarca coruñesa de Muros non ten unha unidade natural propia. Esta comarca é parte dun espazo maior definido pola ría de Muros e Noia, e que constitúe a transición entre as Rías Baixas e a Costa da Morte. A base litolóxica deste territorio son os granitos que forman as serras, combinados coas rochas de sedimentación que aparecen na planicie litoral. A estreita chaira e a ladeira onde se sitúa o propio núcleo de Muros conforman o espazo de maior ocupación humana da comarca e o máis apto para o desenvolvemento das actividades económicas. A comarca ocupa un pequeno espazo xeográfico caracterizado pola conxunción de dúas unidades de relevo diferentes, a chaira litoral e as serras. As terras baixas sitúanse entre as serras e a costa, e penetran do litoral cara ao interior, en especial no concello de Carnota. As serras son amesetadas, con cumes planos, que descenden bruscamente cara ao mar e se sitúan nos bordos interiores dos dous concellos e na divisoria entre ambos. Ademais, no concello de Muros penetran cara ao mar e actúan como pequenos interfluvios. A costa posúe un perfil moi recurtado en que alternan as praias e as áreas rochosas. As praias son de areas brancas e, polo xeral, de grandes extensións, como a de Carnota, unha das de maior extensión de Galicia, ou a de Louro. O clima da comarca entra dentro do dominio climático oceánico hiperhúmido que é característico de boa parte do O coruñés. O réxime térmico é moderado cunha oscilación anual que non supera os 10°C polo efecto suavizante das temperaturas do océano. A temperatura media anual é de 12,5°C, propia dunha área costeira oceánica, o mes máis frío é febreiro, o inverno é curto sen excesivo rigor; o verán mostra suavidade térmica, o mes máis cálido é agosto; o outono supón unha breve transición térmica e a primavera é longa. Como corresponde ao clima oceánico da costa galega, as precipitacións son elevadas, superiores aos 1.600 mm anuais, debido á grande influencia exercida polos ventos húmidos procedentes do océano. Estas precipitacións repártense ao longo do ano excepto durante un breve período no verán afectado polo déficit hídrico. A nivel local, as precipitacións non se distribúen igual por toda a comarca. A vertente N da ría de Muros e Noia actúa como abrigo para os ventos húmidos do O e NO e, pola contra, supón o paso cara ao interior dos ventos húmidos do SO. Tamén cambian os valores coa altitude, cara ás serras do interior, aumentan as precipitacións nas vertentes costeiras e diminúen nas de terra a dentro polo efecto de abrigo do relevo. A comarca está sucada por numerosos ríos e regatos que discorren entre as altas terras ata a chegada á costa. A disposición das serras de forma transversal crea interfluvios por onde os ríos formaron vertentes e vales. A proximidade das serras ao mar provoca que estes cursos fluviais salven en poucos metros unha forte pendente, polo que teñen unha alta capacidade de erosión e comportamentos torrenciais en situacións de fortes precipitacións, e dan lugar a inundacións dos seus vales. Destacan o río Valdebois e o de Louredo (Carnota) e os de Valdexeira, Rateira, San Lourenzo e Maior (Muros). No límite setentrional do concello de Carnota transcorre o tramo final do río Xallas, que na súa desembocadura accede ao mar mediante un salto natural resultado dun desnivel tectónico. A vexetación natural cobre boa parte da comarca de Muros, aínda que a ocupación humana do espazo é tamén moi intensa, en especial na costa. A paisaxe vexetal orixinaria de bosques de caducifolias foi, como noutras comarcas galegas, substituída na meirande parte por bosques de eucaliptos e de piñeiros. Estas árbores de rápido crecemento e aproveitamento madeireiro ocupan a maior parte do espazo sen cultivar, salvo os sectores de forte pendente, os expostos aos ventos e as cimas amesetadas da serra. Nestes sectores, hai un monte formado por toxeiras e xesteiras que dexenera nun monte baixo de herba. Esta vexetación natural sufriu intensamente nesta comarca os efectos dos incendios forestais.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca de Muros sufriu variacións segundo as inflexións económicas de cada época. De forma xeral, o comportamento demográfico é moi distinto no concello de Muros e no de Carnota. O primeiro caracterízase por unha tendencia ao crecemento demográfico nos últimos cen anos e o segundo por unha tendencia á despoboación. Analizando conxuntamente a comarca, apréciase un aumento sostido da poboación ata a metade do s XX a pesar da emigración cara a América principalmente. O movemento de persoas compensouse grazas a un crecemento vexetativo moi alto, sostido por unha forte natalidade. A partir da década de 1950 intensificouse a emigración cara aos países desenvolvidos industrialmente de Europa, como Suíza e Alemaña. Entre 1960 e ata a crise internacional de 1970, que puxo fin á corrente masiva da emigración galega cara a Europa, a comarca perdeu poboación, a pesar de manterse o crecemento natural alto debido a unha natalidade elevada. Desde entón e ata 2001, rexistrouse un reequilibrio na poboación comarcal, sobre todo no concello de Muros polo desenvolvemento económico da súa vila e polo atractivo turístico da súa costa. Non obstante, non é un incremento poboacional moi elevado e mantén certos altibaixos entre os recontos de poboación, sobre todo no concello de Carnota onde se alternan pequenas subidas con retrocesos. Esta certa recuperación demográfica explícase polo retorno de emigrantes desde 1973. En 2001, o aumento demográfico parece estabilizado nunha pequena porcentaxe porque, aínda que se mantén o atractivo da costa da comarca, o crecemento vexetativo foi moi baixo, coincidindo coa media galega, a causa dunha natalidade reducida. Nesta evolución da poboación hai que diferenciar entre o litoral e as parroquias do interior, xa que é na costa onde medrou a poboación e onde se mantén unha dinámica demográfica positiva, e, pola contra, nas parroquias do interior non se freou o proceso de despoboación, un éxodo rural combinado cun crecemento vexetativo negativo que deu lugar a un forte avellentamento. Neste senso contrasta unha pirámide relativamente nova no litoral e na vila de Muros e outra moito máis madura nas parroquias do interior.
Xeografía económica
A economía da comarca de Muros sostense na actualidade no sector terciario, aínda que a nivel territorial hai diferenzas notables. Atópanse neste espazo desde explotacións gandeiras extensivas tradicionais ata intensas áreas de turismo de sol e praia. A economía da comarca de Muros depende do desenvolvemento do sector terciario, e doutros sectores que teñen unha importancia máis cualitativa que cuantitativa. Aínda así, as actividades pesqueiras na costa e as agropecuarias no interior seguen representando un papel importante tanto pola porcentaxe de poboación ocupada como pola riqueza directa e indirectamente xerada. O sector primario supón pouco máis do 15% da poboación activa empregada da comarca, que se distribúe entre a agricultura e a pesca. As actividades agrarias son moi minoritarias no litoral e tenden a formas tradicionais de autoconsumo ou pequenas hortas nas áreas de regadío dos moitos ríos e regatos que transcorren pola comarca. No interior, pola contra, a función económica principal de moitas parroquias, son as explotacións gandeiras de vacún de carne. Mais, a despoboación, o avellentamento e a atracción do litoral diminuíu a importancia deste sector agrario. As actividades pesqueiras, elemento económico principal deste territorio ao longo da historia no seu litoral, seguen sendo importantes aínda que foron xa superadas polo terciario. Trátase dunha pesca cun carácter comercial notable tanto polo volume das capturas, que supera os 1.700.000 kg de peixe ao ano, como polo seu valor. O porto de Muros é o máis importante desta área pesqueira, nel contabilízanse máis de 160 unidades de diferentes tipoloxías de embarcacións e acolle máis de 400 traballadores. Na súa lonxa non só se comercializan as capturas do seu propio porto senón tamén a dos portos veciños de Lira e O Pindo. As especies máis comúns que desembarcan en Muros son as da pesca de arrastre, como o xurelo, a faneca ou o polbo. O sector secundario comarcal vincúlase a esta actividade pesqueira. A industria é escasa, sobre todo despois da crise das conserveiras, aínda así, mantéñense importantes compañías conserveiras. Pequenos estaleiros, varadoiros e outras empresas fortalecen a relación da industria comarcal coa pesca. O sector da construción manifestou un certo crecemento motivado pola proliferación de vivendas e casas destinadas á actividade turística. Pero é o sector terciario o que ocupa a maioría da poboación empregada da comarca. O desenvolvemento do turismo, coa aparición de cámpings, hostais, hoteis e outros moitos servizos necesarios para cada vez un maior número de visitantes, fortalece o sector servizos como o motor da economía deste territorio. Complementariamente, nos asentamentos de poboación de maior tamaño e en especial na cabeceira de Muros hai un importante equipamento do terciario. Muros, cabeceira do partido xudicial, constitúe un centro de servizos e comercios para o seu concello e para o de Carnota, aínda que con diferente intensidade segundo os lugares, en función da proximidade a outros centros urbanos de comarcas veciñas como as vilas de Cee e Noia. É o centro de referencia da comarca tanto pola súa tradición histórica como pola dotación terciaria coa que conta. Non obstante, a posición periférica de Muros dentro da provincia da Coruña, afastado das principais cidades e das vías de comunicación máis importantes (o eixe do Atlántico) derivan en certo estancamento. A forma lonxitudinal de Carnota explica a súa dobre vinculación, a metade S cara a Muros, e a N cara a Cee. A rede de estradas ten unha reducida densidade e a comarca non está incluída dentro das principais vías de comunicación de Galicia. A estrada comarcal C-550, de Cee a Tui, bordea a comarca pola costa e é o eixe articulador deste espazo. Só vías locais atravesan transversalmente a comarca, que comunican os asentamentos comarcais entre si, e o conxunto deles co interior da provincia cara á Coruña e Santiago de Compostela, cruzando sinuosamente as serras. Non hai transporte ferroviario na comarca e o porto de Muros é o principal punto de comunicación marítima.
Historia
O pasado da comarca transcorreu parello ao devir histórico das dúas vilas principais que a integran: Muros e Carnota. Aínda que se supón unha longa tradición no poboamento deste territorio, apenas existen documentos que fagan referencia á da historia antiga da comarca, unicamente algún resto prehistórico encontrado como os gravados rupestres de Eirona, na parroquia de Louro en Muros; os restos das murallas e as antigas vivendas do castro de Mallou, en Santa Comba de Carnota; ou o coñecemento de que unha vía romana pasaba polo municipio veciño de Outes. A partir da época medieval apareceu moita documentación sobre a historia da comarca. En 1286 o Rei Sancho IV concedeulle un Real Privilexio a Puebla de Muro, para engrandecela, dándolle unha área de dominio que supoñía aproximadamente o territorio da comarca máis os concellos de Mazaricos e Outes. En 1298, Muros pasou por doazón de Fernando IV a depender da Igrexa de Compostela. Parte das terras de Carnota pertenceron na Idade Media aos condes de Trastámara e de Lemos e formaron parte do Condado de Cornatum. En 1452 o Rei Xoán II citou Muros como un dos portos máis grandes de Galicia. En 1544 a boca da ría foi escenario da Batalla de Muros, na que a escuadra francesa caeu derrotada pola española, ao mando do almirante Álvaro de Bazán. Durante o s XVII xurdiu o núcleo onde se asentou despois a vila de Carnota. A comezos do século XIX a comarca sufriu o saqueo da invasión francesa, e durante a Guerra da Independencia, Muros padeceu un ataque das tropas napoleónicas, que destruíron a propia vila queimando os arquivos existentes e desaparecendo así a documentación antiga da comarca. Nas primeiras delimitacións territoriais modernas o actual partido xudicial de Muros incluíu parte dos termos municipais das comarcas veciñas.
Patrimonio cultural
O territorio de Muros conserva un valioso patrimonio de arte, amplo e variado. Os abrigos rupestres de Louro, diversos petroglifos e os castros, como o de Rimao na parroquia de Torea (Muros) ou o de Mallou en Carnota, son os restos máis antigos. A arquitectura relixiosa da comarca conserva importantes igrexas e edificios como a igrexa parroquial de San Pedro de Muros, o Santuario da Nosa Señora do Camiño, a capela do Espírito Santo e o convento de San Francisco de Louro, todos eles no concello de Muros. Tamén destacan, no concello de Carnota, as igrexas parroquiais de Santa Comba de Carnota, Santa María de Lira e San Clemente do Pindo. A vila de Muros, por outra banda, conserva un importante patrimonio cos seus edificios nobres, estreitos rueiros, escondidas prazas e casas con balcóns voados sobre soportais; o conxunto histórico da vila foi declarado Ben de Interese Cultural en 1970. Ademais, a comarca é rica en tradicións e monumentos de arte popular como hórreos, pombais, pontes, cruceiros, faros e os notables muíños de marea do concello de Muros. Das súas festas destacan a de San Clemente do Pindo, a de San Mamede de Carnota e a romaría da Nosa Señora dos Remedios de Lira, todas elas no concello de Carnota, así como as de San Pedro e a do Carme en Muros, que tamén celebra anualmente na parroquia de Esteiro unha carreira de carrilanas.