Musée du Louvre

Musée du Louvre

Museo de arte instalado no antigo palacio real do Louvre, en París, na beira dereita do Sena. En 1527 Francisco I derrubou o antigo palacio medieval, construído por Filipe Augusto, e en 1546 encargou a P. Lescot e J. Goujon a construción do novo palacio, do que fixeron os lados SO do Cour Carrée. A Grande Galerie e a Petit Galerie foron edificadas baixo Caterina de Medici e Enrique IV. O resto do Patio Cadrado, de J. Lemercier e J. Le Vau, e a columnata, de C. Perrault, foron edificados durante os reinados de Luís XIII e Luís XIV. O lateral da rúa Rivolí, de C. Percier e P. Fontaine, foi proxectado durante o Primeiro Imperio e, durante o segundo, o palacio rematouno H. Lefuel e J. Visconti. Abriuse ao público como museo en 1793, cando se inaugurou o Museum Central des Arts de la République, as pezas que se conservan abarcan cronoloxicamente desde o IV milenio a C ata o s XIX. Os fondos proveñen das coleccións reais, de botíns de guerras, de doazóns, de compras do estado e da escola francesa de arqueoloxía. Amosa antigüidades orientais, artes do Islam, antigüidades exipcias, gregas, etruscas e romanas, esculturas e pinturas desde a Idade Media e das civilizacións de África, Asia e Oceania. As obras impresionistas trasladáronse primeiro ao Musée du Jeu de Paume e posteriormente ao Musée d’Orsay. En 1981 iniciouse o proxecto Le Grand Louvre, que permitiría utilizar como museo a totalidade do palacio. En 1989 foi inaugurada a pirámide de vidro no patio central, obra de I. M. Pei. Dispón de novos equipamentos, ademais dunha gran biblioteca de arte e o servizo de restauración e estudo, auditorio, salas de exposicións temporais, novas reservas e libraría, entre outros.