Museo Nacional del Prado ou Museo del Prado
Museo de titularidade estatal situado no Paseo del Prado de Madrid. Instalouse no edificio Villanueva, construído en tempos de Carlos III por Juan de Villanueva. A súa fundación correspondeu a Fernando VII, quen achegou obras das coleccións reais que, tras o seu falecemento, se vincularon á Coroa española. Abriu ao público por primeira vez o 19 de novembro de 1819, como Real Museo de Pintura y Escultura. Dependeu da Casa Real ata 1868, ano en que se nacionalizou e se modificou o seu nome polo de Museo Nacional del Prado. En 1872 incorporou as obras do Museo de la Trinidad. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939) foi pechado e as súas obras máis importantes trasladáronse a València e Xenebra. A incorporación de novas obras motivou a anexión do Casón del Buen Retiro (1971) e do Palacio de Villahermosa (1985-1989). Considerado como unha das mellores pinacotecas do mundo, ten coleccións dos reis das casas de Austria e de Borbón e enriqueceuse con traslados, doazóns, adquisicións, e outras procedencias. A súa colección está formada por pintura (española, flamenga, alemá, italiana e francesa), escultura, debuxo, gravado, moedas, medallas e artes suntuarias e decorativas. Destacan as obras dos grandes mestres españois: El Greco, Velázquez, Rivera, Murillo ou Goya. Ten unha sección de arte do s XIX cos fondos do antigo Museo Nacional de Arte Moderna. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1962.