música

música

(< lat musica < gr μουσικ)

  1. [MÚS]
    1. s f

      Arte que se expresa mediante a ordenación de sons no tempo. A música é esencialmente ritmo e melodía, vinculados entre eles pola duración das notas que forman a liña melódica. A melodía é a sucesión horizontal dos sons en oposición á harmonía, que é a disposición vertical destes. A relación ou combinación simultánea de dúas ou máis melodías vén codificada polas leis do contrapunto. A síntese do contrapunto e da ciencia harmónica, xunto cuns esquemas formais sinxelos, integran a técnica da composición, á que se pode sumar o coñecemento da arte da instrumentación e da orquestración. O estado actual dos estudos etnomusicolóxicos fai que se deba limitar a teoría musical occidental, que se pode dividir en dúas ramas: a que considera a música como unha ciencia (Pitágoras, Boecio, Rameau, Leibniz, Euler e Schellinger) e a que ve nela exclusivamente unha arte (Platón, Aristóteles, Descartes, Schopenhauer), que é o concepto que prevaleceu na Idade Moderna. Tamén se teñen manifestado outras concepcións que deron primacía ao aspecto formal e á materia sonora. Neste sentido foron precursores santo Agostiño e santo Isidoro, e, modernamente, E. Hanslick, quen no feito de non admitir que a música puidese expresar sentimentos ou emocións, influíu a orientación da estética musical obxectiva. A música existiu sempre en todos os pobos da Terra, aínda que se teña diferenciado notablemente nos distintos ámbitos culturais. A música occidental orixinouse coa cultura grecorromana, pero sufriu grandes cambios durante a Alta Idade Media. O progreso artístico da Baixa Idade Media tivo o seu eco na música, co desenvolvemento da arte polifónica, ao mesmo tempo que a música profana se beneficiou dos avances acadados pola música relixiosa. O Renacemento, como máis tarde o Barroco, tivo un efecto retardado no ámbito da música, comparado co doutras artes, e deu pé ao nacemento, xa no s XVII, de xéneros novos, como a ópera e o ballet, primeiros expoñentes dunha música destinada ao pracer e aos actos mundanos, sociais ou políticos entre outros. Da mesma maneira, no s XVI, xurdiu a música instrumental. A música relixiosa enriqueceuse daquela, ademais, coa inclusión de espectáculos de tema relixioso. A música italiana influíu fondamente na música doutros países. A aparición de grandes figuras musicais da área alemá (Bach, J. F. Haydn, Mozart, Telemann) no s XVIII formou unha nova grande escola musical, que se orientou cara á música instrumental (mentres que a italiana derivou de maneira cada vez máis exclusiva cara á ópera). Xurdiron, entón, co Romanticismo, as grandes figuras do sinfonismo alemán (Beethoven, Schumann, Brahms, Schubert e Mendelssohn), mentres se desenvolvían na maioría dos países europeos as correntes nacionalistas no campo musical (Chopin, Liszt e música rusa, entre outros). A finais do s XIX iniciáronse novas correntes musicais, favorecidas, en parte, pola reforma wagneriana, que tenderon á substitución do esquema tonal consolidado desde os tempos de Bach. A revolución dodecafónica de Schönberg, xa no s XX, foi case simultánea a un gran número de experiencias no campo da sonoridade, dos instrumentos ou das fontes sonoras. A gran diversidade de tendencias seguiu multiplicándose co paso do tempo. Deste xeito, a música chamada posweberniana, protagonizada por K. Stockhausen e P. Boulez, conduciu, na década de 1950, cara á tecnica do serialismo integral. Estes mesmos músicos foron os principais impulsores, xunto con H. Eimert, da música electrónica. Pouco antes, P. Schaffer xa iniciara a manipulación electrónica coa transformación dos sons gravados da natureza e que recibiu o nome de música concreta. Mentres, a corrente norteamericana, encabezada por J. Cage, recollendo as achegas de Ch. Ives, K. Weill e H. Cowell, tentou unha recuperación dos valores intuitivos do intérprete e a improvisación (música aleatoria). Volveron o dadaísmo (neodadaísmo), as colaxes, a música-acción, a música como espectáculo e o happening. A música ou o feito sonoro mesturouse coa imaxe (teatro musical de M. Cagel, cine, televisión); naceu unha arte conceptual na música, herdeira da experiencia de M. Duchamp, e foi precisamente América a que invadiu Europa coas súas fórmulas hipnóticas de músicas repetitivas. A finais da década de 1980 e principios da seguinte continuou aumentando o acceso do gran público aos estilos e ás formas máis diversas do que se coñece tradicionalmente e con forte imprecisión como “música clásica”. No que se refire á interpretación, o Barroco e o clasicismo foron revisados con instrumentos orixinais da época. Neste apartado, cómpre tamén mencionar a música antiga, que tivo un apoio extraordinario do público. Na vertente creativa, a música actual tende a ofrecer un aspecto científico e racional, que se expresa en dúas direccións: por unha banda, a utilización da tecnoloxía electrónica, e por outra, as experiencias minimalistas iniciadas en EE UU provocaron unha volta máis ou menos clara á tonalidade.

    2. s f

      Composición creada con esta arte.

      Ex: Compón a música e a letra das súas cancións.

    3. s f

      Conxunto de composicións musicais.

      Ex: Interesouse pola música barroca.

    4. falsa música

      Nome que se aplicou, a partir do s XIII, a aquela música vogal ou instrumental que aceptaba alteracións que non sempre eran indicadas cos signos correspondentes. Representou a utilización de notas que non figuraban nas escalas diatónicas aceptadas na época. OBS: Tamén se denomina música fita.

    5. música de cámara

      Aplícase á música vogal ou instrumental escrita para ser interpretada nun salón ou cámara por un grupo reducido de intérpretes, que varía de tres a oito. Abrangue o cuarteto de corda, o cuarteto con piano, o quinteto con piano, o quinteto de corda, o trío de corda, a sonata trío e o trío con piano.

    6. música lixeira

      Música baseada en ritmos de baile ou en arranxos de temas populares ou clásicos, xeralmente para conxuntos pequenos. A proliferación dos medios de reprodución sonora deu unha gran difusión a este tipo de música.

    7. música militar

      Música propia de cerimonias militares. Escríbese normalmente para bandas de música (formada principalmente por instrumentos de vento e de percusión).

    8. música sacra

      Arte musical desenvolvida no seo da Igrexa Católica para o acompañamento dos ritos litúrxicos. A música sacra en Galicia iniciouse un pouco máis tarde ca no resto de Europa. Correspondíase inicialmente co rito mozárabe, do que se conserva o Libro das horas de Fernando I. Este tipo de canto, coñecido como canto gregoriano, era monódico e sen acompañamento instrumental. O Códice Calixtino introduciu a polifonía por primeira vez e creou unha nova escola musical. Non foi ata o Renacemento cando se crearon as primeiras capelas catedralicias cun músico responsable da dirección e composición das obras litúrxicas. Entre todas elas destacou a de Santiago de Compostela, que foi a primeira en ter un organista, o italiano Dionisio Memmo. Durante o Barroco desenvolvéronse as orquestras catedralicias baixo a dirección de grandes mestres, entre os que destacaron Diego Verdugo, Diego de Muelas ou Vaquedano. Xa no clasicismo a música sacra estivo moi influenciada pola música que procedía de Italia e do resto de Europa. Santiago de Compostela seguía sendo o centro deste tipo de música con compositores da sona de Melchor López ou o italiano Buono Chiodi, que destacaron especialmente na composición de vilancicos. Nos séculos posteriores a música sacra foi perdendo forza e só se limitou a pequenas composicións festivas e litúrxicas.

  2. s f

    Serie de sons que pola súa harmonía ou desharmonía afectan o oído de maneira agradable.

    Ex: Escoitaba a música dos paxaros.

  3. s f

    Conxunto de músicos que tocan xuntos.

    Ex: A música xa está a tocar no campo da festa.

Frases feitas

  • Ter música algo. Ser unha cousa moi cara.

Refráns

  • Día de Corpus, miña comadre, ándalle o touporroutou pola "calle".
  • Día de Corpus, miña comadre, pásalle o touporroutou pola "calle".
  • O escudeiro, cando non ten que comer, colle a viola e ponse a tanxer.