Mussolini, Benito
Político italiano. Fillo dun ferreiro e dunha mestra, fixo estudos de maxisterio. Iniciouse na actividade política dentro do Partito Socialista Italiano, pero foi expulsado ao declararse a favor da intervención de Italia na Primeira Guerra Mundial. Para difundir o seu ultranacionalismo creou o diario Il popolo d’Italia, mentres promovía a formación dos fasci di combattimento ou grupos de axitación, que constituíron o embrión do Partito Nazionale Fascista (1921). Tras a marcha sobre Roma do 28 de outubro de 1922, coa complicidade do exército, do goberno e do Rei Vítor Manuel III de Italia, foi nomeado xefe de goberno. Durante os tres anos seguintes, asumindo todos os poderes, dunha maneira gradual, implantou unha ditadura. Resolveu o antigo preito co papado mediante os Pactos de Letrán, realizou custosas obras de infraestrutura e seguiu unha política exterior agresiva, que nalgúns momentos renovou soños de expansionismo. O 10 de xuño de 1940 declarou a guerra aos aliados, e para o outubro seguinte intentou, sen éxito, ocupar Grecia. O 25 de xullo de 1943, ante os progresos aliados, foi derrocado por un golpe de estado promovido polo rei e foi prendido nos Apeninos. Ao se achegaren as tropas aliadas intentou fuxir a Suíza, pero foi capturado en Dongo polos partisanos (27 de abril de 1945) para ser, posteriormente, fusilado.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Dovia di Predappio, Forlì -
Deceso
Lugar : Giulino di Mezzegra, Como