mutualismo

mutualismo

(< mutual)

  1. s m [DER]

    Sistema de prestacións mutuas que é a base da mutualidade. Tras a disolución oficial dos gremios do Antigo Réxime en 1834, as clases obreiras quedaron desprotexidas nos casos de enfermidade, morte ou inutilidade laboral. No seo destas capas sociais xurdiron, durante o mandato da Raíña Isabel II, unhas sociedades de socorro mutuo, instrución e recreo. En Galicia, entre outras, creáronse a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesanos da Coruña (1841), o Círculo das Artes de Lugo (1855) e o Liceo Recreo de Artesanos de Ourense (1850). No Sexenio Revolucionario (1868-1874), os republicanos das diversas cidades galegas reformularon e ampliaron aquelas reivindicacións populares nas chamadas cooperativas de base múltiple, que atendían tanto as necesidades de socorro mutuo coma as educativas, e o cooperativismo de consumo e produción. En 1870 apareceu en Ferrol a Asociación de Trabajadores e, un ano máis tarde, rexistráronse colectivos semellantes en Santiago de Compostela e Vigo, que abranguían tanto a patróns coma a obreiros e artesáns. A partir da Restauración e do período de represión que sufriron as sociedades de resistencia de carácter socialista ou anarquista, o mutualismo foi ben acollido polas correntes moderadas, na medida en que aliviaban as situacións extremas, como as correntes reformistas vinculadas ao republicanismo ou ao catolicismo social, das que destacan os Círculos Católicos de Obreros que apareceron no final do s XIX en todas as urbes de Galicia. Non obstante, a constitución de sociedades obreiras de clase a partir de 1881, non foi contraditoria coas prácticas mutualistas, pois en moitas ocasións, como no caso dos anarcosindicalistas coruñeses, os militantes obreiros tiveron conta de que as estruturas e prácticas mutualistas estivesen vinculadas ás sociedades de resistencia. Coa progresiva implantación dos seguros sociais xestionados polo Estado a partir da terceira década do s XX, as sociedades mutualistas foron perdendo a súa razón de ser.

  2. s m [ECOL]

    Asociación entre individuos de dúas especies distintas de xeito que se beneficien ambas as dúas. Esta unión non é imprescindible para a supervivencia das dúas especies, de tal xeito que se esta unión se rompe, os dous individuos sobreviven.

Palabras veciñas

Mutua Gallega | mutual | mutualidade | mutualismo | mutualista | mutuante | mutuario -ria