Muxía, Santa María de

Muxía, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Muxía. Datada a comezos do s XIII e realizada en estilo románico de transición sobre unha construción anterior (posiblemente do s X), consta dunha soa nave con cuberta a dúas augas de madeira. A nave divídese en tres tramos mediante dous arcos apuntandos transversais adornados con molduras e apoiados en columnas anexadas nos muros laterais. O acceso á ábsida, cadrada e cuberta cunha bóveda de canón apuntada, realízase a través dun arco triunfal apuntado. Presenta unha capela lateral gótica do s XIV, dedicada á Virxe do Rosario, de planta cadrada e cuberta cunha bóveda de cruzaría. A fachada componse de arquivoltas apuntadas e un bocel decorado con cabezas de cravo.