Myanmar
Estado do SL de Asia, na parte NO da península de Indochina, que limita ao NL con China, con Laos e Tailandia ao SL, con India e Bangladesh ao NO, co golfo de Bengala ao SO, e co mar de Andaman ao S (676.577 km2; 45.976.000 h [estim 2001]). A súa capital é Yangon.
Xeografía física
O relevo de Myanmar consta dunha depresión central e unhas rexións periféricas, de montañas dificilmente penetrables; o Arakan Yoma, o Pātkai, o altiplano de Shan e os montes Chin. O cumio máis elevado do país é o Hkakabo Razi de 5.881 m de altitude. A depresión regada polo río Irauadi e os seus afluentes teñen no extremo meridional o delta deste río, cunha extensión duns 35.000 km2. O clima é tropical monzónico, con temperaturas elevadas durante todo o ano, e a pluviosidade varía moito segundo a altitude e o grao de exposición aos monzóns. Sucédense tres estacións, unha chuviosa (desde finais de maio a finais de outubro), unha relativamente fresca (desde finais de outubro ata a metade de febreiro), e unha máis calorosa (desde metade de febreiro ata finais de maio). Dos ríos destacan o Irauadi e os seus afluentes, Chindwin e Yaw, o Salween e o Sittang. O bosque é de tipo tropical.
Xeografía económica e humana
Os principais produtos son o arroz, seguido do millo miúdo, legumes, algodón, cacahuetes, sésamo, xirasol, cebada, trigo, millo, hortalizas, froita, cana de azucre, tabaco e xute. Tamén é un recurso importante a explotación forestal (teca, bambú e caucho). A gandaría proporciona, ademais de alimentos e materias primas, unha enerxía non computada. Búfalos, cabalos, mulas e elefantes fornécenlle enerxía ao sector primario, arrastrando a madeira fóra do bosque ata os ríos ou ferrocarrís. Tamén é notable a pesca de peixes e de moluscos. Na minaría destaca a extracción de tungsteno (as minas máis importantes de Asia), petróleo, estaño, chumbo arxentífero, pedras preciosas, cobre, zinc e níquel. A industrialización, pola contra, está moi pouco avanzada. A industria moderna comezou a traballar o algodón, o tabaco, a madeira e tamén algunhas refinarías de petróleo. Das industrias destacan as alimentarias, de materiais de construción, unha siderurxia reducida e os fertilizantes e xabóns. Hai 28.200 km de estradas, dos que máis de 5.000 non son transitables durante o monzón de verán. Os ríos Irauadi e Chindwin son navegables en boa parte do seu curso. En xeral, a rede hidrográfica é complementaria coa de estradas. A maior parte destas vías (uns 3.300 km) son os brazos do delta do Irauadi. Para as mercadorías, o avión non conta e só están o ferrocarril, o camión e a embarcación fluvial. O principal porto do país é Yangon. Hai 46 aeroportos, pero só é internacional o de Yangon. É un país cun nivel moi baixo de desenvolvemento, un país agrícola en que case a metade da poboación depende directamente do sector primario, e o réxime de monocultivo extensivo é o trazo esencial. A poboación é predominantemente rural (72,3%) e os núcleos urbanos son escasos e pequenos, dos que destacan Yangon, Bassein, Mandalay e Moulmein.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os birmanos conforman a etnia maioritaria (69%) fronte aos shan (8,5%), karen (6,2%), rakhine (4,5%), mon (2,4%), chin (2,2%), kachin (1,4%) e outros grupos (2,8%). A lingua oficial é o birmano, pero o inglés está moi estendido. O 89,4% da poboación profesa a relixión budista, o 4,9% a cristiá, o 3,8% a musulmá, o 0,5% relixións animistas, mentres que outras relixións representan o 0,2% da poboación. A educación é gratuíta e obrigatoria na escola primaria. Durante o curso 1995-1996, asistiron 4.732.947 alumnos a 35.752 escolas primarias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Myanmar entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 118º posto cun índice do 0,551). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 59 anos para os homes e de 63 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 84,7% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 55%; e o PNB por habitante é de 2.610 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga colonia británica independente desde o 4 de xaneiro de 1948. Baixo unha ditadura militar gobernada polo xefe do estado, o 18 de setembro de 1988 una xunta militar asumiu o poder. O poder lexislativo reside na Pyithu Hluttaw (Asemblea Popular) formada por 489 membros elixidos o 27 de maio de 1990 pero que nunca chegou a formarse. O seu sistema xudicial baséase na common law británica, e non hai garantías dun xuízo xusto nin acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. A principal forza política é o Partido da Unidade Nacional formado polos militares e a súa única oposición é a Liga Nacional para á Democracia. Forma parte das organización internacionais ASEAN e ONU.
Historia
Das orixes á colonización
Os primeiros pobos establecidos no territorio da actual Myanmar procedían de Tibet e China e penetraron a través do río Irauadi. Os mon establecéronse no delta do Irauadi e no golfo de Bengala e o pobo piu chegou no s V. O Rei Anawrahta (1044-1077), que gobernou en Pagan, puxo fin ao dominio dos mon e fundou o Imperio de Pagan, que unificou todo o país. A administración deste soberano caracterizouse pola asimilación da cultura mon, da que adoptou o budismo theravāda e un sistema de irrigación que puxo en práctica na rexión de Kyaukse, convertendo a zona nun dos arrozais máis prósperos. Á súa morte, o imperio expandíase desde o golfo de Martaban ata Banmauk englobando o N de Tenasserim e Arakan. En 1287 a dinastía de Pagan foi derrocada polos mongois. O N de Birmania caeu no poder dos principados shans, mentres que o S foi dominado polos mon, que estableceron a capital primeiro en Martaban, e a partir de 1369 en Pegu. Durante o s XVI formouse un novo estado, o de Toungoo, refuxio dos birmanos que fuxían da dominación shan. Este estado, baixo o reinado de Tabinshwehti (1531-1550), conquistou o reino mon de Pegu e a maior parte da Birmania central. O seu sucesor, Bayin Naung, reunificou o país e ampliou as fronteiras coa conquista de Ava e Siam. Esta política expansionista, foi abandonada polo Rei Thalun, que trasladou a capital a Ava (1635) e organizou o país. O dominio dos mon eclipsouse axiña. Alaungpaya, xefe dunha área local, púxose á cabeza da resistencia nacional, fundou a dinastía Konbaung, tomou Ava en 1753, fundou Rangoon e entrou en Pegu en 1757.
O dominio británico e a independencia
A posterior ocupación birmana de Arakan (1785), onde existía un movemento de independencia do Assam (principios do s XIX) e de Manipur (1817-1822), e a resistencia dos xefes locais refuxiados en India, facilitáronlle aos británicos un bo pretexto para interviren no país. Entre 1824 e 1885, período que comprende as tres guerras anglo-birmanas, Reino Unido conseguiu anexar todo o país. A partir de entón converteuse nunha provicia de India, feito que provocou a chegada de numerosa poboación hindú. A capital estableceuse en Rangoon, que se converteu nun centro administrativo. Ao inicio do s XX xurdiron diversos movementos que reclamaban a autodeterminación. Reino Unido cedeu en virtude da Government of Burma Act (1921) os ministerios de educación, sanidade pública e agricultura, mentres que a metrópole reservábase a defensa e as finanzas. En 1937 separouse de India e obtivo unha certa autonomía interna. Durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) foi ocupada polos xaponeses (1942), que decretaron en 1943 a independencia nominal de Birmania e colocaron como xefe de estado a Ba Maw, líder nacionalista adepto a Xapón. Non obstante, o exército nacional, baixo a dirección de Aung San, iniciou a guerra de guerrillas e creou o Anti Fascist People’s Freedom League (AFPFL). Expulsados os xaponeses en 1945, Reino Unido pretendeu reinstalar o réxime colonial, pero o levantamento popular provocado polo asasinato de Aung San, líder da AFPFL, obrigouno a recoñecer a independencia de Birmania en outubro de 1947. En xaneiro de 1948, converteuse nunha república soberana.
Da independencia ao golpe de estado de Saw Maung
Poucos meses despois iniciouse unha guerra civil entre os grupos comunistas e as forzas gobernamentais, que tamén loitaron contra as minorías cristiás karenas. A situación empeorou co establecemento (1950), no N do país, de tropas chinesas que foran expulsadas da República Popular China e que permaneceron alí ata 1961. Un golpe de estado do xeneral Ne Win en 1962 suspendeu a constitución e disolveu o Parlamento, polo que o Partido Birmano do Programa Socialista converteuse no único partido legal (1964). O réxime, de carácter socialista, emprendeu a nacionalización crecente da economía, pero contra a década de 1970 iniciou unha tímida apertura ao capital estranxeiro. En decembro de 1974 aprobou unha nova constitución unitaria socialista. En 1981, o xeneral San Yu foi elixido presidente, aínda que Ne Win mantivo a presidencia do partido, e tivo que afrontar unha forte oposición dos grupos armados como o partido comunista pro-chinés e diversas organizacións de minorías étnicas que reclamaban a súa independencia ou un goberno federal. Ao longo de 1987, o pésimo estado da economía provocou violentas protestas que forzaron en 1988 a dimisión de Ne Win, que foi substituído primeiro polo xeneral Sein Lwin e posteriormente por un civil, Maung Maung. Poucos días despois, o xeneral Saw Maung tomou o poder cun golpe de estado.
A ditadura militar
Saw Maung estableceu un goberno ditatorial e estableceu como órgano de goberno o Consello de Restauración da Lei Estatal e a Orde. En 1989, Birmania cambiou o seu nome polo de Unión de Myanmar e a capital Rangoon, por Yangon. Despois das eleccións de 1990, que deron a vitoria á opositora Liga Nacional para a Democracia, impediuse a reunión da nova Asemblea Popular. O 18 de decembro proclamouse un goberno nacional de coalición con Sein Win, presidente do Partido Nacional pola Democracia como primeiro ministro, goberno que recibiu o apoio dos kachins e dos karenos cristiáns. O xeneral Than Shwe, tras a dimisión de Saw Maung como xefe da xunta de goberno en abril de 1992 asumiu, ademais, os cargos de primeiro ministro e de comandante en xefe das forzas armadas. A política do réxime caracterizouse pola falta de democracia e atopou en Aung San Suu Kyi, líder da Liga Nacional para a Democracia e Premio Nobel da Paz (1991), a súa máxima opositora. Os conflitos cos karenos comezaron de novo en 1995 e en 1997.