níquel
(< al nickel)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento metálico que pertence ao grupo VIII da táboa periódica, entre o cobalto e o cobre, de número atómico 28 e peso atómico 58,6934. O produto natural está formado por cinco isótopos estables (58, 60, 61, 62 e 64). Puidéronse obter sete isótopos radioactivos. O metal foi atopado en 1751 por A. F. Cronstedt, a partir da niquelina (NiAs). A súa abundancia na codia terrestre é dun 0,018%. Os minerais máis importantes son a polidimita e a pentlandita. O níquel está presente en todas as terras de cultivo (de 2 a 17 ppm); con todo, non é indispensable, como o cobalto, para a vida das plantas, para as que un exceso de níquel é incluso tóxico. Obtéñense no laboratorio pequenas cantidades de níquel que se emprega como catalizador. O níquel reducido, utilizado por P. Sabatier e J. B. Senderens nas hidroxenacións orgánicas, prepárase reducindo o óxido ou hidróxido de níquel por hidróxeno entre 300°C e 500°C. O ácido clorhídrico, o ácido sulfúrico, o ácido nítrico, o ácido fosfórico, a augaforte, o ácido crómico e as solucións de alume férrico atácano máis ou menos á présa; o amoníaco disolve o níquel pulverizado, con formación dun catión violeta [Ni(NH 3 ) 6 ] 2+ . O método escollido para a extracción do níquel está determinado pola composición do material que cómpre tratar; comprende trituración, flotación -para eliminar a rocha e obter un concentrado de sulfuro que conteña o níquel, o cobre e o ferro- e flotación diferencial, para obter un concentrado de ferro e outro de níquel; este último sométese a un proceso de torrefacción e de fusión cun fundente, para eliminar as rochas e unha parte do ferro en forma de escoura; deste xeito obtense unha mata de níquel e de ferro que contén cobre, que é sometida á acción do forno Bessemer para eliminar o ferro e o xofre. A separación final de níquel, cobre e metais preciosos obtense tratando a mata na fundición do Bessemar cun arrefriamento controlado, trituración, separación magnética e flotación diferencial. As aliaxes de níquel-cobre, níquel-cromo e níquel-ferro teñen unha ampla vantaxe de aplicacións. O níquel emprégase para fabricar utensilios de cociña, obxectos de laboratorio, instrumentos de cirurxía e electrodos. Entre os compostos, emprégase o sulfato para os baños de galvanoplastia e o óxido para a fabricación de esmaltes e de vidros colorados.
-
níquel sulfatado
[QUÍM]
Sal hexahidratada de cor verde esmeralda, lixeiramente eflorescente, que se funde a 100°C. Emprégase nos baños de niquelado e como mordente nas fábricas de tinguidura e de estampados.
-
m
tetracarbonilníquel
[QUÍM]
Composto de estrutura especial, moi tóxico, refrinxente e dun olor desagradable, que se obtén polo paso do monóxido de carbono sobre níquel finamente dividido. Os vapores producen irritación, conxestión e edema pulmonar. Unha exposición longa pode producir cancro de pulmón.