Nuno Fernandez Torneol?
Trobador probablemente galego. Cabaleiro de condición, pertenceu á corte castelá de Afonso X o Sabio. Da súa produción, localizada nos cancioneiros da Biblioteca Vaticana, da Ajuda e da Biblioteca Nacional, consérvanse 22 textos, trece cantigas de amor, tituladas “Ay eu! de min e que será?”, “Ay mia senhor, u non jaz al”, “Am eu tan muito mia senhor”, “Assi me traj ora coitad Amor”, “Ir-vus queredes, mia senhor”, “Ora veg eu que me non fará ben” (fragmento), “Por Deus, senhor, en gran coita serei”, “Pois naci nunca vi Amor”, “Preguntan-me por quê ando sandeu”, “Quando mi-agora for e mi alongar”, “Que ben que m eu sei encobrir”, “Que prol vus á vos, mia senhor” e “Quer eu a Deus rogar de coraçon”; oito cantigas de amigo, “Ai, madr , o meu amigo, que non vi”, “Aqui vej eu, filha, o voss amigo”, “Dizede-m ora, filha, por santa Maria”, “Foi-s un dia meu amigo d aqui”, Levad , amigo, que dormides as manhãas frias”, “Que coita tamanha ei a sofrer”, “Trist anda, mia madr(e), o meu amigo” e “Vi eu, mia madr e, andar”; e unha de maldicir, “De longas vias, mui longas mentiras”. Nas súas composicións amorosas trata o tema da separación dos namorados, o que provoca o sufrimento do home pola senhor. Nas cantigas de amigo, dotadas dunha estrutura tradicional, insiste nos elementos paisaxísticos e na súa simboloxía, na relación do amigo e a amada, e nos diálogos entre nai e filla, cun resultado moi innovador. Finalmente, na de maldicir, trata o asunto das mentiras protagonizadas por un home rico.