Na noite estrelecida

Na noite estrelecida
[LIT]

Libro de poemas de Ramón Cabanillas que apareceu en 1926 co subtítulo de “Sagas de R. Cabanillas. Dibuxos de Castelao”, editado por Lar. Está composto por tres sagas tituladas “A espada Escalibor” e “O cabaleiro do Sant Grial”, que xa se publicaran anteriormente por separado en varias publicacións da época, e “O sono do Rei Artur”. A través da súa poesía narrativa trata da lendaria corte artúrica e da busca do Santo Graal, polo que se encadra na tradición da orixe céltica do pobo galego e da súa dignificación a través do mito. Nos poemas, ademais das referencias á materia de Bretaña, é constante a presenza de elementos pondalianos e ossiánicos, algúns deles relacionados coa relixión dos druídas e outros ligados á cultura celta, na procura dun sincretismo entre os mundos celta, artúrico e galego. No relativo ás súas características, trátase duns versos provistos dun léxico, dunha fraseoloxía e dun gran número de adxectivos, propios da escola modernista. Ademais, cómpre salientar o emprego de recursos estilísticos   como a metáfora, a sinestesia, a metagoxe e os xogos fónicos, que advirten dunha preocupación do autor pola forma na composición.

Palabras veciñas

Nā ir al-Dīn Tusī | Na Lúa | Na man, Moşé ben ou Nahmánides | Na noite estrelecida | na-dené | Naab | nabab