nacionalismo
(
-
s
m
[POLÍT]
Actitude política que deriva directamente do feito de atribuír, nun terreo ético-político, un valor moi alto ao feito nacional e á nación. As manifestacións variadas que esta actitude política tivo obrigan a falar de nacionalismos, e non de nacionalismo. Non ten o mesmo contido o nacionalismo que se pode detectar na Revolución Francesa ca o que existe nos países pouco avanzados sometidos a dominación colonial. Tampouco é o mesmo nacionalismo que manifesta e estimula o estado nación que aquel que, no interior do mesmo estado, poden manifestar nacións que foron sometidas e que se senten oprimidas. Nun primeiro momento, que se orixina no s XVIII, o nacionalismo tendía, basicamente, á construción de novos estados ou á loita pola independencia diante dos ataques exteriores. Aquí, o nacionalismo é xa máis ca un puro sentimento nacional, e non é tampouco reducible a un mero patriotismo. A Guerra da Independencia en España a comezos do s XIX fixo nacer un moderno nacionalismo español que se mantivo como a identificación coa loita e coa vitoria contra os inimigos exteriores e que, tempo despois, sufriu unha fortísima crise cando se produciron as derrotas. O nacionalismo, daquela, veu a menos no ámbito español e cedeulle o paso a vigorosos nacionalismos, como o catalán ou vasco. O tipo de nacionalismo que provén da identificación entre a nación e o estado, tamén se identifica, á hora de escoller os seus fins e construír a estratexia da súa política, coa razón de estado. Isto fai que se considere o nacionalismo como un mal case supremo, obstáculo radical á solidariedade internacional e xerador de guerras. A antidemocracia deste nacionalismo e o seu evidente reaccionarismo impregnou os nacionalismos, transmutados xa en fascismos e concretados no nazismo alemán hitleriano, no fascismo italiano de Mussolini e tamén, de maneira evidente, no franquismo español. Esta parcializacion visual do nacionalismo sufriuna tanto a análise como a praxe política nacional e internacional marxista, cando pretendeu opoñer nacionalismo a internacionalismo ou socialismo. A implantación de estados comunistas constituíu un obstáculo para o xurdimento de nacionalismos neses países. A crise dos réximes comunistas de Europa central e oriental reactivou ou permitiu que aparecesen publicamente movementos nacionalistas na década de 1990. Na primeira fase, a eclosión nacionalista no antigo bloque comunista concentrouse en tres áreas: a báltica, coa reivindicación independentista dos antigos estados de Estonia, Letonia e Lituania, incorporados por Stalin á Unión Soviética; a área balcánica, co renacemento do nacionalismo serbio, e a vontade independentista respecto á antiga Iugoslavia de Eslovenia e Croacia; e, finalmente, a área caucásica, coa presenza e o enfrontamento dos nacionalismos de Armenia, Xeorxia e Acerbaixán. A escalada de nacionalismos na Europa antigamente comunista non provocou un contaxio directo á Europa Occidental, pero si que unida ás perspectivas de transformación da Unión Europea, consolidou ou alimentou algúns nacionalismos preexistentes no occidente, especialmente os de Escocia, Flandres, Euskadi ou Catalunya, que habilitaron os casos do leste como un punto de referencia. En Galicia desenvolveuse desde 1916, pero cun grao maior de acción social que o rexionalismo e con alternativas políticas concretas. As súas orixes estiveron vinculadas á fundación das Irmandades da Fala (1916), e posteriormente, á celebración en Lugo da Primeira Asemblea Nazonalista (1918). O seu principal ideólogo foi Vicente Risco, que na súa obra Teoría do Nacionalismo Galego (1920), definiu a nación como un feito natural, biolóxico e independente da vontade das persoas. Durante a Segunda República Española xurdiron diversas organizacións nacionalistas galegas, das que destacan a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e o Partido Galeguista (PG). Tras a Guerra Civil Española, a desaparición do réxime republicano e a imposición dun goberno ditatorial levou á aparición no nacionalismo galego de dúas liñas, unha no interior que mantivo contactos coas forzas que iniciaban a resistencia armada, e outra no exterior que mantivo un importante nivel de actividade en América. Cara a 1950 comezou unha nova etapa que se caracterizou polo abandono da oposición política en Galicia e o impulso dunha vía culturalista. Na terceira fase, que se iniciou a finais da década de 1950, retomouse a orientación política e xurdiron agrupacións clandestinas como o Consello da Mocidade, o Partido Socialista Galego (PSG) en 1963, e a Unión do Pobo Galego (UPG) en 1964. Posteriormente, apareceron os primeiros sindicatos nacionalistas coma o Sindicato Obreiro Galego (SOG) que constituíu, xunto con outras formacións, a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) en 1975. Á morte de F. Franco (1975) as principais forzas nacionalistas constituíron o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) que fracasou no seu intento de formar un goberno galego soberano e provisional. Despois do fracaso das forzas nacionalistas nas eleccións de 1977 e tras a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981, estas forzas melloraron os seus resultados nas eleccións autonómicas.
-
nacionalismo literario
[LIT]
Movemento de carácter literario xurdido en Europa ao redor do s XIX. Intimamente ligado ás cuestións políticas, contribuíu a forxar a idea de nación naquelas zonas do continente que aínda non contaban cunhas fronteiras perfectamente definidas. En plena crise das revolucións burguesas e coa aparición da industrialización e o triunfo dunha nova burguesía, xurdiu o movemento romántico, relacionado co ideario nacionalista e defensor da liberdade do individuo e da súa comunidade. Un dos principais expoñentes literarios foi o escritor inglés Lord Byron, quen morreu en Grecia en 1824 loitando contra os turcos pola independencia dun país que non era o seu. Outros escritores, como o francés J. A. Gobineau, quen vinculaba a idea de raza coa de nación, ou mesmo G. Mazzini e V. Gioberti en Italia, José de Espronceda en España, e J. A. Mieckiewicz en Polonia, tamén lideraron o movemento cultural e literario romántico e nacionalista nos seus respectivos países. Relacionado tamén co nacionalismo, cómpre salientar o interese dos autores polo folclore, onde se destaca o propio e particular de cada país. En Galicia, a contribución de Rosalía de Castro ao movemento romántico, ben a través da súa poesía con influencias de H. Heine, ben a través dese folclore que se representaba constantemente nas súas composicións, tivo un valor incalculable para a literatura galega do seu século e para as xeracións posteriores.
-
nacionalismo musical
[MÚS]
Movemento que xurdiu na música culta europea no s XIX que prescribía a inclusión nas obras musicais de elementos do folclore de cada país. Tivo unha especial forza en Rusia, co Grupo dos Cinco en Bohemia con B. Smetana, A. Dvořák e L. Janáček, en Hungría con B. Bartók e Z. Kodály, en Romanía con G. Enesco, en Polonia con F. F. Chopin, en Noruega con Greçieg, en Finlandia con J. Sibelius e en España con M. de Falla.