Namibia
Estado do SO de África, que limita co Océano Atlántico ao O, con Angola e Zambia ao N, con Bostwana ao L e coa República Sudafricana ao L e ao S (825.118 km2; 1.788.000 h [estim 2001]). A súa capital é Windhoek.
Xeografía física
Atravesado polo trópico e situado na fachada occidental africana, o país está case totalmente comprendido dentro das rexións áridas (zona árida). Paralelo á costa atópase un longo barranco que cae verticalmente desde as terras altas do interior á chaira litoral do deserto de Namib. Pódense distinguir tres zonas en dirección N-S: o Namib, unha zona desértica extremadamente árida que se estende ao longo da costa, ao pé do barranco que o limita coas terras interiores; o altiplano central, entre 1.000 e 2.000 m de altitude, que ten grandes chairas onduladas e algunhas rexións montañosas; e a depresión de Kalahari. O aproveitamento das reducidas precipitacións é escaso a causa da grande evaporación, da irregularidade do reparto das épocas de chuvia e do réxime intermitente de todos os cursos fluviais, a excepción dos que limitan o territorio ao N e ao S (Kunene e Orange). A vexetación é escasa e uniforme en grandes extensións: ao N o terreo resulta un subdeserto con algúns espazos de vexetación espiñosa. A partir de Rehoboth, que está situado no sector meridional das terras altas interiores, e está cuberto por unha vexetación de sabana árida.
Xeografía económica e humana
A agricultura é practicamente inexistente, pero a pesar de todo produce cereais, hortalizas e algodón. A gandaría ten un censo alto, especialmente da cabana ovina e bovina, e a exportación de pel de ovella é unha das máis importantes do mundo. A pesca constitúe unha actividade de primeira magnitude. A fonte de produción económica máis importante é a minaría, sobre todo a extracción de diamantes, seguida do uranio, do que é un dos primeiros produtores mundiais, ademais de chumbo, zinc, cobre, vanadio, estaño, prata, carbón, sal, cadmio, litio, manganeso e tungsteno. A industria xira arredor da pesca, da gandaría, da metalurxia e da elaboración de cervexa. Hai unha importante rede de estradas e a de ferrocarrís ten 2.382 km. O porto máis grande é o de Walvis Bay, e o aeroporto máis importante é o de Windhoek. A maior parte da poboación é de tipo rural, xa que acada o 69,1%, e as cidades máis importantes do país son a capital e Walvis Bay.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os ovambo conforman a etnia maioritaria (47,4%), aínda que tamén teñen presenza no país os kavango (8,8%), os damaras (7,1%), os herero (7,1%), os brancos (6,1%), os nama (4,6%) e os caprivi (3,6%), mentres que os demais grupos conforman o 15,3% restante. A lingua oficial é o inglés. O 51,4% profesa a relixión protestante, o 16,5% a católica, o 5,5% a católica anglicana, o 7,1% outro tipo de catolicismo e o 19,5%, outras relixións.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Namibia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 111º posto cun índice do 0,601). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 46 anos para os homes e de 45 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 82% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 78% e o PNB por habitante é de 1.890 $ EE UU.
Goberno e política
Protectorado alemán desde 1884, en 1920 confiárono a Sudáfrica e converteuse en república independente o 21 de marzo de 1990. Segundo a Constitución, ratificada o 9 de febreiro de 1990, o presidente da república, onde reside o poder executivo, é elixido mediante sufraxio universal directo para un mandato de 5 anos. O poder lexislativo é bicameral: reside na National Assembly, formada por 72 membros elixidos mediante sufraxio e 6 designados polo presidente para un período de 5 anos, e no National Council, composto por 26 membros, elixidos para un período de 6 anos e que representan ás rexións. O sistema xudicial baséase na lei neerlandesa, conta cunha Supreme Court, unha High Court e os Lower Court. Non está en vigor a pena de morte. As principias forzas políticas son: o socialista South West African People’s Organization (SWAPO), o social-demócrata Congress of Democrats (CoD), o conservador Democratic Turnhall Alliance (DTA), o centrista United Democratic Front (UDF) e o cristián conservador Monitor Action Group (MAG). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Commonwealth, Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur, ONU, OUA, e asociado a UE.
Historia
Habitado polos khoikhoi e os sans, os pobos bantús non penetraron no territorio de Namibia ata o s XVIII. O primeiro europeo que chegou ao país foi o portugués Bartolomeu Dias, que desembarcou na baía de Angra Pequenha. En 1840, a London Missionary Society enviou algúns misioneiros, que foron os primeiros en instalarse, e desde 1878 os ingleses ocuparon o porto de Walvis Bay. O comerciante alemán Franz Adolf Lüderitz comprou unhas terras na costa en 1883, o que se converteu en territorio anexado por Alemaña, que estableceu alí un protectorado e outorgou os dereitos de explotación a unha sociedade colonial. Desde 1893 os hereros rebeláronse contra a dominación alemá, pero as loitas sucedéronse ata finais de 1908 e acabaron coa derrota total e a aniquilación dos primeiros. Durante a Primeira Guerra Mundial, as forzas da Unión Sudafricana invadiron o país e provocaron a rendición alemá en 1915, e en 1920, a Sociedade de Nacións concedeulle o mandato sobre o territorio. Aínda que en 1945 a Unión Sudafricana solicitou á ONU a plena incorporación de África do SO (nome de Namibia ata 1968), denegóuselle. Aínda así, baixo a súa administración aplicouse o apartheid e proxectouse (1964) o confinamento da poboación africana en territorios especiais, sobre todo a partir de 1975. A resistencia armada a esta política foi levada a termo pola South West African People’s Organization (SWAPO) e en 1960, a ONU retirou o mandato de Sudáfrica sobre o territorio e pasou a administrala directamente, modificando o seu nome polo de Namibia (1968). En 1977 Sudáfrica redactou un proxecto de constitución, que foi abandonado por falta de soporte internacional, nomeou un administrador xeral, e en 1978 convocou eleccións favorables á Democratic Turnhalle Alliance (DTA), que foron boicoteadas pola SWAPO, un partido político e movemento guerrilleiro independentista con bases no sur de Angola, que fora recoñecido pola ONU como o único representante lexítimo do pobo de Namibia. En 1984, coa intervención da Multi-Party Conference (MPC), foille outorgada unha soberanía limitada. Despois de concertar un acordo (1988) entre Angola, Sudáfrica e Cuba sobre a retirada de tropas do territorio, nas eleccións de 1989 a SWAPO obtivo a maioría, pero veuse obrigada a pactar a nova constitución. O 9 de febreiro de 1990 esta era votada pola Asemblea e o 21 de marzo o país conseguía a independencia, baixo a presidencia de Sam Nujoma (SWAPO), con Hage Geingob como primeiro ministro. De novo confirmado como presidente nas eleccións de 1994 e nas de 1999, Nujoma tivo que afrontar unha conxuntura económica desfavorable, agravada pola secas, e que obrigou a reforzar as relacións de cooperación con Sudáfrica e a ONU. En 2002, Theo Ben Gurirab resultou elixido como primeiro ministro do país.