Nao Senlleira

Nao Senlleira
[LIT]

Obra de Fermín Bouza-Brey editada en 1926. É, xunto con Cantiga Nova que se chama Ribeira, de Álvaro Cunqueiro, unha das primeiras mostras do movemento neotrobadoresco en Galicia, nun intento por recuperar, cando menos estruturalmente, a tradición poética medieval. En Nao Senlleira recóllense moitas composicións que xa apareceran en publicacións da época, especialmente un corpus de trece poemas editados en Nós. A obra caracterízase pola presenza de dúas liñas temáticas principais, o amor e a saudade, coa presenza da natureza como testemuño dos feitos que se narran, tal e como acontece nos cancioneiros medievais. Entre os elementos naturais, o que aparece representado con máis forza é o mar e a súa paisaxe, que, asemade, non son máis ca os outros eu do individuo. No apartado estilístico, cómpre salientar a súa riqueza fónica, a facilidade versificatoria e a combinación de esquemas métricos cultos e populares co versolibrismo. Nestas composicións, Bouza-Brey aproveitou a súa erudición literaria e o seu coñecemento do mundo medieval para iniciar o camiño dunha nova escola na literatura galega.

Palabras veciñas

Nant’ou | Nanyang | nao | Nao Senlleira | Naogaon | naos* | napa