Napoleón I Bonaparte

Napoleón I Bonaparte

Militar e estadista corso, fillo de Carlos Bonaparte e Maria Laetizia Ramolino. Formouse nas escolas militares de Brienne e de Champ de Mars (París). Aínda que inicialmente as súas ideas comulgaron coas do independentista P. Paoli, durante a Revolución Francesa amosouse favorable á anexión con Francia, polo que, para evitar represalias, fuxiu a Marsella coa súa familia (1793). Declarado xacobino, comezou unha brillante carreira militar ata a Reacción Termidoriana (1794) -cando o prenderon- que recuperou posteriormente ao ser nomeado capitán do exército do interior. En París coñeceu e casou (1796) con Xosefina Beauharnais e ese mesmo ano marchou a Italia, onde conseguiu, tras unha brillante campaña, a celebración do Congreso de Rastatt (1797), o Tratado de Campoformio (1797) e a modificación do mapa político europeo: suprimiu o Reino de Venecia e creou a República Cisalpina. Pasou a Exipto para atallar os británicos na ruta cara ás colonias orientais e quedou illado pola destrución da súa tropa na Batalla de Abū Qīr (1798), pero conseguiu deter aos turcos en Siria. En 1799 volveu a Francia e deu un golpe de estado apoiado polos moderados, que buscaban a fin do Directorio. Ese mesmo ano foi nomeado cónsul xunto con R. Ducos e E. J. Sièyes. Instaurou unha ditadura militar, reorganizou a administración, a economía e o sistema xudicial ao tempo que se lanzaba sobre Europa. Na Batalla de Marengo (1800) amosou o seu verdadeiro enxeño en canto a tácticas militares e en 1802 forzou a Reino Unido a asinar a Paz de Amiens. En 1804, unha vez restablecidas as súas relacións co papado, Pío VII proclamouno emperador na catedral de Nôtre-Dame. Continuou a súa política partidaria dun poder executivo forte e da centralización administrativa e estableceu as bases xurídicas da sociedade no Código de Napoleón. Non obstante, as guerras renovadas coas grandes potencias como Reino Unido (Batalla de Trafalgar, 1805) ou Austria (Batalla de Wagram, 1809), as hostilidades simultáneas en frontes tan distantes como Rusia ou a Península Ibérica (onde impuxo no trono ao seu irmán Xosé I Bonaparte) e as novas tácticas inimigas (guerra de guerrillas) provocaron un debilitamento do seu exército e a ruína do estado francés. En 1809 separouse de Xosefina e casou cunha princesa austríaca, María Tareixa, coa que tivo un fillo. En 1812 emprendeu a conquista rusa e aínda que conseguiu entrar en Moscova, tivo que retirarse con rapidez cara a Polonia. Isto, unido á expulsión dos franceses de España, provocou o avance das tropas do duque Wellington e G. L. Blücher, que conseguiron entrar en París en 1814 e obrigárono a abdicar. Aínda que se lle recoñeceu o título imperial no Tratado de Fontainebleau de 1814 foi desterrado á illa de Elba. En 1815 recuperou por sorpresa o poder, inaugurando o período coñecido como os Cen Días pero, tras ser derrotado na Batalla de Waterloo (1815) foi destronado e exiliado definitivamente na illa de Saint Helene, onde faleceu tras escribir as súas memorias.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ajaccio

  • Deceso

    Lugar : Saint Helene