Nápoles

Nápoles
Nome científico: [ital: Napoli]

Capital da rexión de Campania e da provincia homónima, Italia (993.386 h [2001]). Pola súa situación, na beira noroccidental do golfo de Nápoles, a chaira que se estende aos pés do Vesubio foi sempre un centro moi importante. A cidade ocupa a chaira e os outeiros inmediatos á liña de costa. O crecemento urbanístico deu lugar á incorporación de diversos centros veciños que se converteron en barrios industriais ou residenciais da metrópole (Portici, Casoria, Pozzuoli, Resina). Ademais de centro portuario e comercial, Nápoles chegou a ser un gran núcleo industrial da metalurxia, da construción de maquinaria, do refinamento de petróleo, da química e do sector téxtil. É tamén un centro cultural destacado con universidade e outras escolas de estudos superiores. Fundada polos gregos de Cumas cara ao ano 600 a C e conquistada polos samnitas no s IV a C, aliouse con Roma en 328 a C. Ocupada polos bizantinos (536) e os ostrogodos (542), aqueles recuperárona en 552 e administrárona ata o s VII, cando acadou a independencia. Pasou ao Reino de Sicilia en 1139, ao imperio en 1198 e aos anxevinos en 1266, e continuou desenvolvéndose baixo a coroa aragonesa, que a ocupou en 1442. Herdouna o Emperador Carlos V en 1516 e estivo en poder dos Habsburgo casteláns desde 1556 ata 1701. Dominada por Filipe V entre 1701 e 1707, despois ocupouna o imperio e en 1734 Carlos VI. Francia dominouna desde 1799 a 1806 ata que Napoleón I Bonaparte lle doou o reino ao seu irmán, Xosé I Bonaparte, sucedido por J. Murat (1808-1815). En 1815 Fernando IV de Nápoles recuperou o trono pero en 1820 produciuse un alzamento liberal, preludio dun forte movemento que non acabou ata que o reino se integrou en Italia en 1860. Do seu patrimonio cultural destaca a igrexa de Santa Restituta (s IV), que conserva mosaicos dos ss V e VI, o castelo-fortaleza dell’Ovo (s XII), o Castel Nuovo (ss XIII-XIV), e a catedral, a igrexa de Santa Maria de Donnaregina e a de Santa Clara, todas de estilo gótico. Entre os museos destaca o Museo Archeologico Nazionale e o Museo e Gallerie Nacional di Capodimonte.