Navaza Blanco, Gonzalo Ramón

Navaza Blanco, Gonzalo Ramón

Filólogo, escritor e tradutor. Doutor en Filoloxía Galega e profesor na facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. As súas principais investigacións filolóxicas céntranse no estudo da onomástica e da toponimia. Colaborador do Instituto Geográfico Nacional para a revisión da toponimia na cartografía de Ourense e Pontevedra (1984) e asesor de toponimia na Enciclopedia Galega Universal (EGU), pertence á Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e á Asociación Galega de Onomástica. Ademais, foi codirector do proxecto Toponimia de Galicia e coordinador da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia. Colaborou coas revistas Vagalume e Dorna, elaborou a edición crítica de Longa Noite de Pedra (1990), de Celso Emilio Ferreiro, e realizou traducións de obras de Jack London, A chamada da selva (1982); Georges Perec, Robert Graves ou Conan Doyle; a versión ao galego da obra deste último autor O can dos Baskerville (1988) valeulle a concesión do Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1989). Da súa produción literaria destacan os libros poéticos Fábrica íntima (1989, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, 1989 e Premio Nacional de la Crítica, 1991), A torre da derrotA (1992), poemas escritos en versos palindrómicos; e Libra (2000, Premio Martín Códax e Premio Nacional de la Crítica). En narrativa destaca o conxunto de relatos Erros e tánatos (1996, Premio Arcebispo San Clemente 1998) e Santos e defuntos (2002). Escribiu tamén o dicionario paródico Elucidario (1999).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lalín