nebulosa

nebulosa

(< lat nebulōsa)

s f [ASTRON]

Condensación de materia interestelar en forma de nube e de contornos imprecisos que pertence á Galaxia. Clasifícanse en brillantes e escuras. As nebulosas brillantes teñen o aspecto de nubes máis ou menos luminosas, e sempre hai estrelas no seu interior ou ben nas súas proximidades. A súa luminosidade pode provir da simple reflexión na nebulosa da luz de ditas estrelas (nebulosa de reflexión) ou da desexcitación dos átomos e das moléculas (nebulosa de emisión). Un tipo particular de nebulosas brillantes son as nebulosas planetarias, denominadas tamén nebulosas anulares, que, vistas con telescopios de pouca potencia, presentan un aspecto semellante ao dos planetas, e das que destaca a nebulosa de Cáncer. As nebulosas escuras atópanse lonxe de calquera estrela, e, polo tanto, non reciben ningunha radiación luminosa bastante potente que poida provocar reflexión ou emisión. Están desprovistas de estrelas e non deixan pasar a luz das estrelas distantes situadas arredor. Ata o comezo do s XX, este termo foi utilizado para indicar tanto as nubes de materia interestelar da Galaxia como as galaxias exteriores, polo feito de que os dous tipos de obxectos celestes presentaban un aspecto semellante.

Palabras veciñas

nebulización | nebulizador | nebulizar | nebulosa | nebulosidade | nebuloso -sa | necara