Neira Vilas, Xosé

Neira Vilas, Xosé

Escritor e xornalista. Emigrou a Bos Aires en 1949, onde mantivo un contacto moi activo e fecundo cos galeguistas exiliados Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela e R. Suárez Picallo. Alí, con outros mozos emigrantes, fundou as Mocedades Galeguistas (1953), das que chegou a ser secretario xeral ao ano seguinte, e o periódico Adiante, e participou na organización do Primeiro Congreso da Emigración Galega (1956). Neses mesmos anos publicou os seus primeiros traballos na prensa de Bos Aires e Montevideo, e ingresou na Escuela de Periodismo do Colegio Nacional de Bos Aires e máis tarde no Instituto Grafotécnico. Casou en 1957 coa escritora cubana de ascendencia galega Anisia Miranda, e xuntos fundaron ese mesmo ano a editorial e distribuidora do libro galego en América, Follas Novas. Ao carón deste proxecto editorial xurdiu a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos, apoiada por Neira Vilas e a súa muller. En 1961 instaláronse en Cuba, onde se comprometeron activamente co proceso revolucionario. Dirixiu un departamento do Ministerio de Industrias do goberno de Castro, especializouse en organismos internacionais, fixo xornalismo literario, e creou a Sección Galega do Instituto de Literatura y Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba (1969), que dirixiu durante 22 anos. A partir de 1972 regresou a Galicia en diferentes ocasións. Desde 1983 ata a súa xubilación foi redactor-xefe da revista infantil cubana Zunzún. Trasladouse definitivamente a Galicia en 1992, onde preside a Fundación que leva o seu nome, localizada en Gres, na súa casa natal, onde seguiu escribindo e facendo xornalismo literario. A partir deste momento iniciou un periplo por diversas partes do mundo ditando conferencias e recibindo homenaxes de diferentes institucións e organismos. Como escritor, deuse a coñecer con Memorias dun neno labrego (1961), a autobiografía dun neno que serve de crónica da vida cotiá dos nacidos na pobreza e que constitúe a obra máis reeditada, vendida e traducida da literatura galega. Tamén publicou Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977, Premio de la Crítica Española), que desenvolve a súa trama na época da Guerra Civil Española; Querido Tomás (1980), Tempo Novo (1987), Papeis (1992), O home de pau (1999) e Relatos mariñeiros (2003); e as lembranzas Lar (1973), Nai (1980) e Pan (1986). En narrativa para nenos destacan Cartas a Lelo (1971), O cabaliño de buxo (1971), Espantallo amigo (1971), A marela taravela (1976), De cando o Suso foi carteiro (1988) e Chegan forasteiros (1993), e da súa poesía Desde Lonxe (1960), o seu primeiro libro; Inquedo latexar (1969), Poesía recadada (1994), Cantarolas (1995) e Dende Gres (2004). No eido da testemuña publicou Galegos no Golfo de México (1980, Premio da Crítica Galicia 1981), Guerrilleiros (1992) e Eduardo Blanco-Amor dende Buenos Aires (1995). No campo da investigación destacan Castelao en Cuba (1983), A prensa galega de Cuba (1985), Rosalía de Castro e Cuba (1992), Memoria da emigración (1994-1996), en tres volumes; A lingua galega en Cuba (1995), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), Crónicas galegas de América (1999-2001), en tres volumes; Manuel Murguía e os galegos da Habana (2000), O sarillo do tempo (2004) e Prosas Varias (2004). Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Honra (1986), a Medalla Castelao (1988), a Medalla Celanova Casa dos Poetas (1989), a Vieira de Prata (1999), a insignia de ouro do Centro Galego de Barcelona (1999), a Medalla por la Cultura Nacional (2000) do Ministerio de Cultura de Cuba, e o Premio Trasalba (2004). Membro numerario da Real Academia Galega (2001), foi investido doutor honoris causa pola Universidade da Coruña (1998) e pola Universidad de La Habana (2003).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Gres, Vila de Cruces