Nepal
Estado de Asia meridional, situado no Himalaia, limita ao N con China, e ao L, ao S e ao O con India (147.181 km2; 23.077.791 h [2001]. A súa capital é Katmandú.
Xeografía
Nepal é un país esencialmente montañoso. O N comprende a parte máis elevada do Himalaia, co Everest (8.848 m), o Kānchenjunga (8.598 m), Dhawlāgiri (8.172 m), e o Annapurna (8.078 m), mentres que ao S aparecen as formacións do Himalaia exterior, que acadan altitudes menos elevadas (3.000 m), e que descenden gradualmente cara ao extremo S do país, onde dan lugar a unha estreita franxa chá, calorosa, húmida e cuberta de bosque. O clima é monzónico, pero o Himalaia exterior evita a penetración cara ao N, onde o clima é máis seco e rigoroso; polo contrario, ao S, o clima é máis suave e con chuvias abundantes. A vexetación está formada por bosque tropical ao S, e bosque caducifolio, de coníferas e de prados permanentes cara ao N. As actividades económicas básicas son a agricultura, a explotación forestal e a gandaría. Os cultivos predominantes son o arroz, trigo, cebada, fibra vexetal (quinto produtor mundial), legumes, patacas, cana de azucre, tabaco, froita, plantas oleaxinosas e plantas medicinais (primeiro provedor internacional). O bosque ocupa o 31% da superficie. A gandaría transhumante é abundante en bovinos, cabras, ovellas, iacs e búfalos. Obtense ademais carne de búfalo, de ave e de cabra. Con axuda estranxeira establecéronse factorías para a produción de azucre e outros produtos alimentarios, tecidos, fibras vexetais, la, artigos de pel e sabas, industria química, do cemento, do vidro, cerámica e cigarros. Extráese lignito, cobre, cobalto, ferro, mica, magnesita, cinc, chumbo e petróleo. As comunicacións interiores son difíciles, a causa da orografía e da falta de investimento. Hai unicamente dúas liñas férreas, e Katmandú ten un aeroporto internacional. Nepal exporta confección de algodón, cereais, peles, fibra téxtil e madeira, e importa produtos alimentarios manufacturados, téxtiles, carburantes, maquinaria, alimentos e produtos químicos. O gran déficit da balanza sáldase en parte polo turismo. Por unha banda, o país é o berce de Buda, orixe de peregrinaxes relixiosas de Extremo Oriente. Por outra banda, o Himalaia constitúe o reto supremo para os alpinistas. O nivel de vida encóntrase entre os máis baixos do mundo. A poboación concéntrase nos vales. O val de Katmandú é o centro humano e económico do país, onde se encontran os centros urbanos principais: Katmandú, Patan e Bhaktapur. A poboación urbana representa o 11,9%.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos nepaleses, que representa o 53,2% da poboación. Outros grupos importantes son os bihari (18,4%), os tharu (4,8%), os tamang (4,7%) e outros (18,9%). A lingua oficial é o nepalés aínda que tamén se fala un dialecto tibetano. O 86,5% da poboación é de relixión hindú, o 7,2% budista, o 3,5% musulmá e o 2,8% practica outras relixións.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Nepal entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 129º posto cun índice do 0,48). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 58 anos para os homes e para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 42,9% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 64%; e o PNB por habitante é de 220$.
Goberno e política
Antiga colonia británica, acadou a independencia en 1923. Segundo a Constitución do 9 de novembro de 1990, Nepal é unha monarquía constitucional. O poder lexislativo está en mans dun parlamento bicameral denominado Sansad, formado por dúas cámaras: o Pratinidhi Sabha (Cámara dos Deputados), que ten 205 membros electos para un período de 5 anos, e a Rashtriya Sabha (Consello Nacional), formada por 60 membros. O poder executivo reside no soberano con axuda do primeiro ministro coa aprobación do Sansad. O sistema xudicial baséase na lei hindú e na common law, non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Conta cunha Corte Suprema, onde o xuíz supremo é designado polo rei. En 1997 aboliuse a pena de morte. As principais forzas políticas son: o socialdemócrata Partido polo Congreso Nepalés (PCN), o comunista Nepal Kamyunist Parti/Ekikrit Marksvadi ra Leninvadi (Partido Comunista do Nepal/Unión Marxista-Leninista, NKP-EML), e o conservador Rashtriya Prahatantra Party (Partido Nacional Democrático, RPP). Forma parte da ONU.
Historia
A cidade nepalesa de Lumbini foi o berce do Guatama Buda cara ao 560 a C, o que converteu a Nepal no centro budista asiático. No s V existía unha relación moi intensa entre Nepal, Tibet e India. A principios do s XIV a dinastía india dos Rajputa estableceuse en Nepal en substitución dos Ajodhja. En 1460 o Rei Jaksha Malla dividiu o país en catro reinos. Entre 1742 e 1768 o rei gurkha Prithvi Naraian Shah atacou Nepal. Os gurkhas comezaron unha etapa expansiva cara ao leste e o oeste que os fixo enfrontarse con Tibet, China e os ingleses de India (1787-1792). En 1814 declarouse a guerra. Vencidos os nepaleses polo xeneral David Ochterlony, admitiron un comisario inglés en Katmandú. En 1846 instaurouse a ditadura hereditaria da familia Rana, de liña probritánica. Desde mediados do s XIX Nepal colaborou cos ingleses e foi o centro de penetración inglesa no Himalaia; pero Londres recoñeceu en 1923 a independencia do reino. En 1951 os sectores progresistas pro-indios dirixiron un golpe de estado contra a ditadura dos Rana e impuxeron unha monarquía constitucional na figura do Rei Tribhuwan Bir Bikran. En 1961 o Rei Mahendra destituíu o goberno acusándoo de corrupción e reformou a Constitución (1962). Estableceu un sistema baseado en asembleas locais, liberalizou a administración e iniciou unha pequena industrialización, sempre baixo o control de India. En 1980 unha emenda á Constitución fixo posible que no ano seguinte se celebrasen as primeiras eleccións parlamentarias directas con candidatos a nivel individual. Tras a legalización dos partidos políticos (1990), nas eleccións de 1991 gañou o PCN. O NKP-EML gañou as eleccións de 1994 e o seu líder, Man Mohan Adhikari, foi elixido primeiro ministro. As tensións políticas entre os partidos e o rexeitamento da política económica aplicada polo goberno forzaron a dimisión de Man Mohan Adhikari e a convocatoria de eleccións en 1995. O novo goberno de coalición tripartita foi liderado polo primeiro ministro Sher Bahadur Deuba, do PCN, quen foi sometido a unha moción de censura en 1996. Neste ano formouse un movemento armado no seo do Partido Comunista (maoísta) que causou un gran número de mortos. En 1998 o Rei Birendra encargou o goberno a unha nova coalición dirixa por Girija Prasad Koirala, do CPN. O 1 de xuño de 2001 o monarca e outros membros da súa familia foron asasinados no palacio real de Katmandú. Acusouse do magnicidio ao príncipe herdeiro Dipendra, que tentou suicidarse. A pesar de atoparse en estado de coma, foi nomeado rei, aínda que morreu rapidamente. Sucedeuno o seu tío Gyanendra, que foi incapaz de dominar a revolta maoísta, e Girija Prasad Koirala dimitiu. Sucedeuno Sher Bahadur Deuba, que comezou unha negociación cos maoístas que reivindicaban a abolición da monarquía, a elección dunha asemblea constituínte e a formación dun goberno de coalición provisional. Pero as hostilidades reanudáronse e proclamouse o estado de emerxencia. Acusado de non organizar as eleccións lexislativas previstas, o rei destituíu a Sher Bahadur Deuba e encargou o goberno a Lokendra Bahadur Cand. En 2003 reanudáronse as conversas entre o goberno e os maoístas nas que non quixeron participar os partidos institucionais que, ante o temor dunha aproximación do monarca aos maoístas, pediron a restauración do parlamento (disolto en maio de 2002). Esta oposición provocou que Lokendra Bahadur Cand fose substituído por Surya Bahadur Thapa.