Nilo

Nilo

Río de África nororiental. Con 6.671 km de lonxitude, é o curso fluvial de maior lonxitude do mundo. A súa fonte principal é o Kagera, que nace no altiplano de Burundi. Con este nome entra pola costa O no lago Victoria, e sae polo N, preto de Jinja, co nome de Nilo-Victoria. Desde o lago, o Nilo diríxese cara ao NO ocupando depresións, como a área pantanosa do lago Kyoga. Despois forma unha gran curva e cae a 600 m nas cataratas Kabalega, na beira N do lago Mobutu. Preto de Sudán toma o nome de Ba ḥ r al- Ǧ ābal, e flúe cara ao NO. Descende pouco a pouco ata 465 m en Fort Berkeley, onde se converte nun río de chaira, e unha espesa vexetación herbácea, o sudd, cobre as súas beiras. Preto de Malakāl toma o nome de Nilo Branco (Ba ḥ r al-Abya ḏ ), atravesa Nubia e chega a Khartún, onde recibe ao Nilo Azul (Ba ḥ r al-Azraq) pola dereita (3.000 km), que nace no macizo etíope, no lago de Tana, co nome de Abaya e que, no período de chuvias determina as cheas do Nilo. Despois de recibir o ‘A ṭ bara, procedente tamén do macizo etíope, penetra na zona desértica. Pouco despois entra en Exipto, onde percorre 300 km ata chegar á primeira catarata, preto de ‘Aswān, onde o Nilo baixa de 330 a 90 m de altitude. Despois do Cairo bifúrcase e comeza o delta (23.000 km2), un gran triángulo de 200 km de lado. É unha vasta rexión, moi fértil e densamente poboada. O aspecto máis característico do curso baixo do Nilo son as cheas que acontecen no Nilo Branco e no Nilo Azul, entre maio e outubro. Antes, as inundacións cubrían a terra dunha lama moi fértil, que era a base da agricultura ao longo do río. A comezos do s XIX iniciaron proxectos para regularizar as inundacións anuais e destinar a auga ao regadío coa construción de encoros e de canais (Ziftā, Asyū ṭ , Nag Hammadi, Isnā e ‘Aswān), que permiten ampliar a superficie regada e regular a irrigación ao longo do ano. O Nilo é navegable en diversos tramos entre as cataratas. Parece que foi Hesíodo o primeiro que o designou co nome de Nilo. Os exipcios, que o exploraron parcialmente, habitaron nas súas beiras e ao redor del crearon e desenvolveron toda a súa civilización. Esta importancia do río na vida do país fixo que adquirise unha significación relixiosa e foi venerado como un servidor dos deuses e un xenio favorable ou Hāpī. Cando o Alto Exipto foi dotado dun sistema de irrigación, aplicouse o cadro mitolóxico do Baixo Exipto; a partir de entón existiron dous xenios, cos habitáculos respectivos, en que, segundo a tradición, estaban situados nas vías subterráneas que portaban a auga do océano. O río, polo feito de ser navegable regularmente desde ‘Aswān ao mar e de estar comunicado por medio de canais, con núcleos de poboación importantes, constituíu unha arteria única para o intercambio de poboacións, de razas e de culturas entre o Mediterráneo e os países de Sudán, Etiopia e as rexións ecuatoriais. O seu curso e, sobre todo, as súas fontes foron, durante toda a antigüidade, un grande enigma que orixinou toda clase de teorías e de lendas. A exploración de Etiopia durante os ss XIII-XVIII levou ao descubrimento do Nilo Azul, que se consideraba o ramal maior. No s XIX as exploracións ordenadas por Mu ḥ ammad ‘Alī levaron ata o Godonkoro, Nilo Branco arriba. Partindo do Océano Índico, J. H. Speke, con R. F. Burton e Grant, chegou ao lago Victoria e a Godonkoro en 1863.