Nîmes
Capital do departamento de Gard, Francia (133.424 h [1999]). A súa economía baséase nas industrias téxtiles, de mobles, de calzado, de material de construción e alimentarias. Localizada sobre o antigo lugar de Nemauso, baixo os Antoninos substituíu a Narbona como capital da Galia Narbonesa. Sé episcopal a partir dos ss V ou VI, converteuse tamén en sede dun condado, incorporado en 1185 ao Condado de Tolosa. Centro conspicuo da Igrexa Albixense, foi conquistado por Luís VIII (1226), e pasou definitivamente á coroa francesa en 1271. Converteuse naquela época nun núcleo próspero, por causa do desenvolvemento da industria téxtil, levada por artesáns italianos. Abrazou a causa calvinista, e con motivo da revocación do Edito de Nantes (1685) perdeu a súa prosperidade. Ao principio do s XIX tivo que afrontar as desordes que reprimiu o duque de Angulema. Conserva numerosos monumentos da época romana, entre os que cómpre destacar a Maison Carrée (s I), templo de estilo corintio, que acolle a sede do Museo de Arqueoloxía e o anfiteatro Les Arénes, de dobre piso en dúas ordes. De época románica é a catedral de Saint Castor.