Nižnij Novgorod
Capital da oblast’ homónima, Rusia (1.343.000 h [2000]). Está situada na beira dereita do Volga, na confluencia co río Oka, nun dos grandes núcleos industriais de Rusia, coñecido antes da Revolución de 1917 polas súas feiras. No complexo industrial da cidade destaca a construción de automóbiles, os estaleiros e a construción de máquinas e de motores. Fundouse en 1221 e foi un punto estratéxico na loita contra os búlgaros. Desde 1350 foi a capital do Principado de Suzdal-Nizegorod e en 1392 ocupárona os príncipes de Moscova. Durante séculos foi o centro comercial máis destacado de Rusia, pero decaeu despois da revolución dos bolxeviques. Entre 1932 e 1992 denominouse Gor’kij, na honra deste escritor. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral da Transfiguración (s XIII) e a dos Arcanxos (s XVII).