nobreza

nobreza

(< nobre)

  1. s f

    Calidade de nobre.

  2. s f [SOCIOL/HIST]

    Estrato social máis alto da sociedade durante o Antigo Réxime. Os seus membros gozaban de certos privilexios por dereito hereditario (nobreza de sangue ou de natureza), por concesión do soberano (nobreza de privilexio) ou polo exercicio de determinados cargos públicos (nobreza civil ou de cargo). Na Baixa Idade Media, tivo un marcado carácter señorial, estreitamente vinculado á terra, sen cuxa posesión  non era posible a condición de nobre. En xeral, durante a época de expansión territorial, desde o s XIII ao XVI, estiveron fielmente ao servizo da monarquía e ocuparon os altos cargos nas empresas militares, ás que axudaron tamén economicamente. A partir do s XV o seu número aumentou considerablemente por privilexio real, pero a súa importancia política minguou. Gozaban de certos privilexios. Estaban suxeitos só á xurisdición do rei, non estaban obrigados a seguir ao exército real fóra do territorio do seu domicilio, os seus bens non podían se alleados por débedas, e non podían ser encarcerados en presidios comúns nin sometidos a tormento; estaban, ademais, exentos de impostos reais e municipais se non constaba explicitamente. Desde a fin do Antigo Réxime, só a nobreza titulada gozou de recoñecemento oficial. A nobreza non titulada deixou de telo, e o último soberano en conceder privilexios de nobre, cabaleiro ou cidadán honrado foi Isabel II. Desde a entrada en vigor da Constitución de 1978, o carácter de nobreza española é honorífico. A concesión de títulos nobiliarios regúlase por un Real Decreto de 1988.
    Nobreza galega
    A nobreza galega, anterior e independente da cabalaría, naceu da evolución da aristocracia, que se formara como tal, pola posesión de terra. O sistema hereditario provocaba a inestabilidade no patrimonio polo que se fixo común a endogamia, ademais da práctica do morgado a partir da segunda metade do s XIII. Neste mesmo século a nobreza galega comezou as doazóns de terras aos mosteiros, polo interese en dispoñer de efectivo para facer novos negocios comerciais. Entre finais do s XIII e 1480, transformouse case por completo dunhas liñaxes a outras; converténdose en séculos de descenso poboacional e escaseza de man de obra, polo que minguaron os ingresos. Os cargos aos que optaban eran estar ao servizo directo da coroa, meiriño maior, adiantado maior ou pertegueiro de Santiago de Compostela. A medida que diminuían as posesións aumentaba o interese polos dereitos señoriais e xurisdicionais concedidos pola coroa. Enrique de Trastámara instalou en Galicia (s XIV) unha nova nobreza, de orixe foránea, mais este grupo non soubo adaptarse á situación de crise económica e os labregos, artesáns e comerciantes subleváronse nas Guerras Irmandiñas (1431 e 1467-1469), propias dun cambio social e político aínda que á súa fin, a nobreza e o clero recuperaron o poder e mantiveron as estruturas feudais. A finais do s XV, por orde do Rei Fernando II de Aragón, os principais nobres galegos ausentáronse dos seus dominios, pero pronto regresaron e para someterse ao proxecto monárquico dos Reis Católicos na busca do control da nobreza como forza política, para involucrala nas grandes empresas expansionistas da monarquía castelá. As guerras e levas da segunda metade do s XVI e XVII fortaleceron o carácter militar da nobreza galega. A administración dos Habsburgo absorbeu os esforzos dos aristócratas máis capaces, polo que en Galicia só permaneceu unha fidalguía media que pronto se asentou como clase rendista. Durante o s XIX deacaeu socialmente, e chegou á deterioración a principios do s XX como consecuencia dos menores ingresos de rendas agrarias e o incremento dos impostos estatais xa desde mediados do s XIX.

Refráns

  • A súa alma na súa palma.
  • Aquel que de bos vén, por bo se ten.
  • Cada fillo de veciño ten os seus feitos por padriño.
  • Conde e condado e cebada para o gado.
  • Deixemos pais e avós e por nós sexamos bos.
  • O algo fai o fidalgo, que o sangue todo é vermello.
  • O fillo do fidalgo, un pe calzo e outro descalzo.
  • Por nosoutros sexamos bos e non polos nosos avós.
  • Señorío pobre, señorío podre.
  • Señoríos vellos e de pouco rango, máis que señoriños, fan señoritangos.

Palabras veciñas

nobre | Nobre, António | Nobreñal | nobreza | Nobumori, Sugimori | 1 noca | 2 noca