Nogueira Martínez, Camilo

Nogueira Martínez, Camilo

Escultor. Iniciou a súa formación nas Escuelas Nieto e na Escola de Artes e Oficios de Vigo, da que foi mestre (1946-1977). Colaborou no taller de Modesto Martínez Silva, quen o deixou ao cargo das tallas do artesoado de madeira para o castelo de Monte Real de Baiona (1922-1923). A súa vocación real era a escultura e a comezos da década de 1930 desprazouse a Madrid para concluír a súa formación. O primeiro material que coñeceu foi a madeira, coa que realizou as súas primeiras obras, en que xa se deixaba ver unha fórmula expresionista primitiva que emparentaba directamente con Asorey e Bonome, intentando reflectir os caracteres máis relevantes da cultura galega. Ata o inicio da Guerra Civil Española (1936), a súa temática variou da anécdota (Os fillos do mar, 1930-1931), á obras cun carácter social, das que destaca o Monumento aos Mártires de Sobredo (1932), en honor aos campesiños fusilados en 1922 como consecuencia do seu levantamento a prol da abolición dos foros. Desde 1933 intalouse en Vigo, onde estableceu o seu propio taller de ebanistaría e talla, que compaxinou coa escultura. Tras o conflito bélico (1939), a súa linguaxe evolucionou cara a unha severa e clásica monumentalidade, de acordo coas circunstancias políticas da época, acadando as súas mellores expresións en pedra que, desde a década de 1950, usou case en exclusiva para a súa obra. Gustou da representación de nenos (Nenos debaixo do paraugas), figuras femininas (La Maestra, 1970), maternidades (Nais, 1944) e animais. Representou tamén escenas relixiosas (Virxe do Carme, 1950; María Auxiliadora 1958-1959), retratos (Margarita Rosenthal, 1950; José Magdalena, 1970-1971), bustos (Ramón Nieto, 1940), monumentos, cruceiros e escudos, dos que destaca o que realizou para a reforma do Teatro García Barbón de Vigo (1934). Realizou distintas obras para edificios, prazas e xardíns en Vigo, especialmente baixo a alcaldía de Rafael Portanet, das que destacan Alborada, Tartaruga e Mariñeiros portando o escudo de Vigo (1969), no monte do Castro. En 1962 reanudou as exposicións individuais, que abandonara durante uns anos polos numerosos encargos que recibira. En 1964 realizou os relevos Exaltación de la cultura e Exaltación de la agricultura, para o Centro Cultural de Porriño, e en 1972 o Monumento ao emigrante para a Hermandad Gallega de Caracas, que o doou á cidade. Colaborou tamén no proxecto urbanístico da Praza da Música de Ponteareas, que non chegou a realizarse. A súa derradeira obra foi o panteón familiar, que quedou inacabado á súa morte. Recibiu, entre outras, a primeira medalla da Exposición General de Escultura (1934), organizada pola asociación de Amigos del Arte de Vigo, pola súa obra Bendita Terriña.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso