Noia, Santa María a Nova de
Igrexa situada en Noia. Mandouna construír no s XIV o arcebispo compostelán Berenguel de Landoira sobre un templo primitivo do s XII. Realizada en estilo gótico, ten unha nave con cuberta de madeira que descansa sobre catro arcos faixóns apuntados que a dividen en tramos. Conta con varias capelas entre as que destacan a maior, cuberta con bóveda de canón; unha realizada en estilo renacentista, cuberta con cunchas de vieira e onde se atopan dous sepulcros que pertencen a Pero Carneiro e a Joam das Estivadas; e a da Virxe do Carme. A fachada ten un pórtico, composto por catro piares e cuberto con bóveda de cruzaría, en que se representa a Adoración dos Reis Magos, e onde aparecen a Virxe co Neno, os Reis Magos, o arcebispo Berenguel e san Xosé. Nos arredores atópase un cemiterio, coñecido como Quintana dos Mortos, que posúe o maior número de lápidas sepulcrais de toda España e que abarca unha cronoloxía desde o s X ao s XVI. Poden dividirse en catro grupos: sepulcros de fidalgos con forma antropoide, como a lauda do peregrino do s XVIII; laudas profesionais, con signos distintivos que permitían identificar ao sepultado; lousas gremiais, con inscricións referentes ao gremio do defunto; e laudas mariñeiras, con símbolos mariños como as ondas do mar ou as áncoras. No seu centro atópase a cruz coñecida como Cristo do Humilladoiro (s XVI), decorada con baixorrelevos de escenas de caza e as catro fases lunares. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1973.