nomenclatura

nomenclatura

(

  1. s f

    Conxunto ou sistema de nomes que se empregan nunha rama da ciencia ou da arte.

    Sinónimos: terminoloxía.
  2. [BIOL]
    1. s f

      Conxunto de regras, de principios e de normas que se empregan para designar os diferentes taxons.

    2. nomenclatura binaria/binomial

      Método sistemático, establecido por Linné, para designar os xéneros e as especies e segundo o que cada ser ten un nome para o xénero, latino ou latinizado, escrito en cursiva e en maiúscula; e un nome para a especie, tamén latino ou latinizado, que recorda algunha característica da especie ou ben é o nome da persoa que descubriu a especie, un nome xeográfico ou un nome composto, escrito en cursiva e en minúscula.

  3. s f [QUÍM]

    Conxunto de regras mediante as que se lles pode asignar un nome unívoco a calquera substancia simple ou composta. Durante moito tempo os químicos optaron por designar os elementos mediante nomes ou símbolos que facían referencia ás súas historias. O primeiro intento sistematizador foi a obra Méthode de nomenclature chimique (1787), de Guyton de Morveau, Lavoisier, Berthollet e Fourcroy, que establecía unha nomenclatura dual en que cada composto era designado por un nome xenérico, que definía a categoría á que pertencía, seguido dun adxectivo ou un complemento que o identificaba. Cando se coñeceu mellor a estrutura dos radicais podían formarse nomes funcionais certamente sistemáticos, o que deu lugar á denominada nomenclatura rádico-funcional, que aínda se emprega. O gran desenvolvemento experimentado pola química orgánica durante todo o s XIX e as limitacións inherentes ao sistema de nomenclatura rádico-funcional revelaron a necesidade de desenvolver un tipo sistemático de nomenclatura de alcance xeral. Esta tarefa foi iniciada en 1892 no congreso da Comisión Internacional de Químicos celebrado en Xenebra, onde se propuxo unha nomenclatura substitutiva que daba prioridade ao esqueleto carbonado e consideraba as funcións como substitutivos deste (regras de Xenebra). En 1930 introduciuse o concepto de “función principal”, que resolveu o problema da nomenclatura dos compostos polifuncionais (regras de Liexa). Estas regras sufriron ampliacións e modificacións por parte da Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC), que publicou as Regras Definitivas de Nomenclatura Química Orgánica (1971). En canto á química inorgánica, o primeiro conxunto de regras de alcance xeral foi publicado en 1940 pola Comisión de Nomenclatura de Química Inorgánica da IUPAC. Posteriormente a IUPAC revisounas e ampliounas, co fin de convertelas en Regras Definitivas de Nomenclatura Química Inorgánica (1970).

  4. s f

    Lista que aparece cos planos dunha máquina, onde se dan indicacións sobre as pezas e a súa montaxe.