Noriega Varela, Antonio
Poeta. Coñecido como o poeta da montaña, comezou a carreira eclesiástica no seminario da súa vila natal, onde destacou, máis ca polos seus estudos de latín e dos autores clásicos, pola súa habilidade para versificar composicións de carácter humorístico e satírico. Abandonou o seminario e fíxose mestre. Durante esta etapa trabou amizade co médico e poeta M. Leiras Pulpeiro, un dos escritores que máis influíu sobre a súa obra inicial, e comezou a colaborar co periódico local El baluarte de Galicia. Rexente da escola do padroado de Fondós, en Foz, entrou en contacto co agrarismo da man de Antón Villar Ponte e colaborou na publicación satírica Guau... Guau!, para a que escribiu varias poesías de temática cívica. Despois de gañar un certame poético con “De Ruada” (1895), publicou Montañesas (1904), o seu primeiro libro, que constitúe un conxunto de composicións líricas de diálogo coa natureza. Trasladado a Calvos de Randín por mor da súa vinculación política, en breve foi destinado a Trasalba, onde colaborou en Vida Gallega e comezou o seu contacto con escritores e pensadores portugueses e con varios membros do grupo Nós. Neses anos saíron do prelo A Virxe i a paisaxe (1914), unha colectánea de cancións populares de loanza á Virxe con prólogo de Basilio Álvarez, e Do ermo (1920), editado por Vicente Risco, A. Losada Diéguez e Arturo Noguerol. Posteriormente, durante o seu destino en Abadín, deu ao prelo Como falan os brañegos (1928), unha colección de frases, ditos e adiviñas populares, froito da excelente relación que o autor mantivo cos labregos da zona e que xa apareceran en parte en diferentes entregas da revista Nós grazas á colaboración de R. Otero Pedrayo. Nese mesmo destino como mestre coñeceu a Aquilino Iglesia Alvariño, tamén estudante do seminario mindoniense, quen lle pediu que prologase cuns versos a súa obra Señardá (1928). Á vez, vai deixando de lado as súas reivindicacións agraristas e nacionalistas. O seu último destino como mestre foi Viveiro. A súa obra, marcada inicialmente polo costumismo e próxima ao estilo poético de finais do s XIX, foi camiñando cara a un interese polo lirismo puro da natureza, con importantes influencias da literatura portuguesa e de autores como Guerra Junqueiro e Teixeira de Pascoaes, onde a montaña e a natureza cobran un protagonismo determinante e vital, e onde o poeta só é o mero transmisor dos seus sentimentos. Fuxiu dos estereotipos rurais que tradicionalmente enmarcan o traballo dos labregos, e construíu a través da súa obra un mundo case mítico en que os labores do campo perfeccionan e melloran o individuo. No eido formal e temático aproxímase ao estilo da poesía española barroca ou mesmo renacentista. Contrario aos elementos modernizadores do idioma e aos intelectuais que defendían o celtismo, as súas liñas literarias seguiron un camiño conservador e tradicionalista, sempre fieis á lingua galega. Foi membro do Instituto Histórico do Minho, da Orden de Alfonso X El Sabio, da Academia das Ciências de Lisboa e pertenceu á Real Academia Galega (1927).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mondoñedo -
Deceso
Lugar : Viveiro