Normandie

Normandie

Rexión histórica e antiga provincia do N de Francia, comprendida entre Picardie ao L, Bretaña ao S, e o canal da Mancha ao N (29.906 km2; 3.202.385 h [1999]). Está subdividida en dúas rexións administrativas e cinco departamentos: Alta Normandía, cos departamentos do Sena Marítimo e Aure (1.780.192 h [1999]), e Baixa Normandía, cos departamentos de Calvados, Orne e Manche (1.422.193 h [1999]). Está constituída por un conxunto de rexións naturais ben diferenciadas. No sector oriental do altiplano da Alta Normandía predominan as cretas brancas, recubertas por unha capa de arxilas. Na Baixa Normandía destaca unha plataforma calcaria. A costa normanda é variada, con sectores abruptos, como os acantilados de creta branca, e outros chairos, como a ampla baía do Mont-Saint-Michel. A industrialización do triángulo Rouen-Le Havre-Caen potenciou un incremento demográfico xa alimentado por unha alta taxa de natalidade. Dentro da economía agropecuaria destacan as producións de carne e leite. Os portos de Dieppe, Port-en-Bessin, Cherbourg e Fécamp están destinados á pesca. Un sector industrial en expansión elabora metalurxia pesada, automóbiles e material eléctrico en Rouen e Caen. Presenta unha certa decadencia na industria téxtil, actividade tradicional concentrada en Rouen e en Flers. Ao O, Cherbourg fai o papel de centro urbano, importante grazas a unha serie de instalacións estatais, como o arsenal e o centro atómico de Hague. Habitada por celtas e lígures, no ano 56 a C Roma conquistouna. Cristianizada no s III, en 486 pasou aos merovinxios, e no s IX foi asolada polos normandos, que se estableceron nela. A puxanza do país baixo Guillerme II de Normandie fixo que os franceses tentasen, sen éxito, a invasión (1054 e 1058). Francia conquistou o país entre 1202 e 1204, mantendo os privilexios, o dereito común e as institucións, pero non a economía, feito que motivou diversos alzamentos, que levaron a Luís X de Francia o Teimudo a outorgar a Carta aos normandos (1314-1315). Foi escenario da Guerra dos Cen Anos (1337-1453) e Inglaterra tentou, sen éxito, separala de Francia. Carlos VII de Francia confirmou as liberdades, e en 1515 conseguiu un parlamento propio. As Revoltas da Fronda aumentaron os impostos e provocaron un alzamento (1639), que foi reprimido. A personalidade normanda estivo preterida polo Estado francés desde a Revolución Francesa e o triunfo do centralismo xacobino.