Noroeste, Teatro do
Compañía profesional de teatro creada en 1987 coa denominación de Producións do Noroeste. Coordinada por Luma Gómez e dirixida por Eduardo Alonso, presentou, entre outros, os espectáculos Medea (1987) de Eduardo Alonso e Manuel Guede, Rei Lear (1990) de Shakespeare, Tagen Ata (1990), a partir do relato de Xosé Luís Méndez Ferrín, A grande noite de Fiz (1992) de Miguel Anxo Murado, Galileo Galilei (1993) de Bertolt Brecht, As vodas de Fígaro (1994) de Caron de Beaumarchais, A gaiola (1996) de Alfredo Conde, Unha rosa é unha rosa (1997) de Suso de Toro, Feirantes (1999), sobre textos de Álvaro Cunqueiro, A Celestina (2000) ou As damas de Ferrol (2002) de Eduardo Alonso. En 1998 coproduciu, co Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, o espectáculo Estación Mahagonny, con dirección de Jorge Castro Guedes. Á parte desta actividade tamén publicou diversos materiais didácticos e sete números dunha revista en que se presentaban aspectos diversos da situación do teatro galego, e promoveu campañas de captación de público a partir da exhibición continuada de espectáculos, fomentando así a creación e mantemento de repertorios. Desde 2002 participou coa compañía de monicreques Cachirulo na xestión da Sala Yago de Santiago de Compostela.