Northumbria
Estado do N de Europa, situado na metade occidental da Península de Escandinavia, que limita ao L con Suecia, Finlandia e Rusia, ao S co mar do Norte, ao O co Océano Atlántico e ao N co mar de Barents (323.758 km2; 4.520.900 h [2001]). A súa capital é Oslo.
Xeografía física
O relevo está constituído por un macizo de rochas graníticas e xistos, con cimas arrasadas pola erosión de glaciares cuaternarios, que forma parte do gran dobramento caledoniano. A influencia oceánica atenúa os contrastes entre o S e o N, polo que o estudo do territorio faise segundo franxas lonxitudinais: unha montañosa paralela á costa, unha fachada marítima con fiordes, e a Noruega do SL, situada detrás da montaña e de clima continental. A montaña escíndese en dous sectores separados pola depresión de Trondheim: ao N, as montañas de Oksskolten, e ao S, táboas graníticas con profundos vales que caen bruscamente cara ao mar, onde a altura máxima culmina no Galdhåpiggen, con 2.469 m de altitude. Entre o mar e a próxima fronteira con Suecia esténdese a estreita faixa de Nordland. Máis ao N ábrese a rexión do Finnmark, de extensos altiplanos e clima polar. A fachada marítima xeralmente é estreita, só se ensancha no profundo e amplo fiorde Trondheim. Os outros fiordes, de augas encalmadas e ribeiras abruptas, teñen unha vida marítima escasa e adoitan ser moi profundos e intérnanse máis de 150 km. Algúns portos do S presentan unha grande animación pesqueira, cunha forte expansión das industrias derivadas. Á Noruega atlántica setentrional, débese engadir as Svalbard (62.050 km2), con cinco illas principais e un clima suavizado pola corrente do Golfo. Finalmente, ao SL de Noruega está a rexión máis rica e máis poboada do país. O territorio, formado por altiplanos e vales interiores, baixa en terrazas graduadas e o bosque gaña en extensión e en rendemento. A meirande parte do país pertence ao dominio do bosque boreal de coníferas e bidueiros. A montaña e as terras do N están cubertas por tundra ártica e as terras meridionais teñen carácter subatlántico, con bosque caducifolio húmido e landas.
Xeografía económica
Recursos e sectores de actividade
Só o 2,8% das terras poden ser cultivadas por mor do solo e o clima, polo que a agricultura non é importante. Prodúcese principalmente trigo, cebada e patacas. A gandaría ten máis peso, xa que conta con explotacións do gando bovino para a obtención de leite, manteiga e queixo, ademais de producir carne, ovos e la. Críanse renos e, para as peles, visóns e raposos. A aplicación da enerxía hidráulica facilita a transformación da madeira en celulosa, madeira de obra ou taboleiros. A pesca é a actividade principal dentro do sector primario e ocupa o primeiro lugar de Europa e o noveno do mundo. As rexións máis pesqueiras son o Finnmark, Vesterålen, Lofoten e Måre og Romsdal. Tamén é importante a industria derivada da pesca, polo valor das exportacións, ao ocupar o terceiro lugar. A prospección de hidrocarburos no mar do Norte ofrece grandes perspectivas, pois o sector noruegués contén os depósitos máis ricos de gas natural e os segundos de petróleo, destacando os de Ekofisk, Frigg e Statfjord. A produción de gas natural é a novena do mundo. As reservas hidráulicas proporcionan enerxía eléctrica abundante e barata, o que permite exportala a Suecia e Finlandia; tamén conta cunha central nuclear. Esta dispoñibilidade potenciou a expansión da industria electrometalúrxica coa fundición, o ferrosilicio e outras ferroaliaxes e aceiro. É o primeiro produtor europeo de aluminio e o quinto do mundo. Tamén hai fundicións de chumbo, cinc, níquel e cobre, e as piritas de ferro aprovéitanse para a industria química. A electroquímica, tamén desenvolvida, concéntrase nos portos do S. Outras ramas da industria química son as derivadas do caucho, o carbón e, sobre todo, das dúas refinarías de petróleo. A transformación da madeira, outra industria importante, concéntrase en Østlandet. Destaca a fabricación de mobles, a pasta de madeira, o papel e os libros. Máis significativos son os ingresos que proceden da mariña mercante (unha das máis modernas do mundo), que dedica a parte máis grande ao servizo de países estranxeiros, sobre todo no que se refire aos petroleiros. Os portos de armamento principais son os de Oslo (de paso, sobre todo), Bergen (importador), Tånsberg, Stavanger-Sandefjord e Kristiansand. Desenvolvéronse industrias novas, como a electrónica, a enxeñaría mecánica e a maquinaria en xeral. As ramas manufactureiras máis importantes son as editoriais, as de maquinaria, as alimentarias e a de medios de transporte.
Comercio exterior
Cando se iniciou a exportación de carburantes (1975), xunto cos produtos industriais e a mariña mercante, compensouse o saldo tradicionalmente deficitario da balanza comercial, ocasionado pola importación de materias primas e produtos alimentarios. Posteriormente, o diñeiro barato multiplicou as importacións e ata 1979 a balanza volveu ser deficitaria. Impórtase principalmente maquinaria, automóbiles, barcos, produtos petroleiros, alimentos, minerais non ferrosos, ferro e aceiro; e expórtase petróleo e gas, metais non ferrosos, maquinaria, barcos, peixe e ferroaliaxes. Os principais países clientes e provedores son os da Unión Europea. Hai unha considerable axuda ao terceiro mundo (1,1% do PNB), con dominio da forma bilateral. Dos servizos destacan a mariña mercante e o turismo, sobre todo de inverno. Os desprazamentos realízanse por vía marítima, pola rede viaria e polas SAS (Liñas Aéreas Escandinavas). A actuación do sector público decantouse cara a unha potenciación das melloras sociais dentro do ámbito sanitario, educacional e de actividades recreativas, feito que se reflicte nun aumento do nivel e a calidade de vida. O crecemento global do PNB foi moito máis rápido ca o da poboación e situou a Noruega no sétimo lugar do mundo e no segundo de Europa polo seu nivel.
Xeografía humana
Poboamento
Noruega presenta un poboamento tipicamente periférico, cunha gran concentración nas rexións meridionais. O índice de crecemento natural é do 3,4‰ (2000). A poboación urbana acada o 75,5% (2000), pero só catro cidades superan os 100.000 h: Oslo, Bergen, Trondheim e Stavanger. No N, en Laponia, viven uns 20.000 lapóns que conservan as súas formas de vida tradicionais.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os noruegueses son a etnia maioritaria (96,4%) fronte aos lapóns (0,5%), finlandeses (0,3%) e outros grupos (2,8%). O idioma oficial é o noruegués, dividido en dúas ramas: o nynorsk, empregado polo 25% da poboación, e o bokmål, utilizado polo 75% restante; as dúas formas teñen o mesmo recoñecemento oficial. Ademais tamén se fala o lapón ou saami. O 88,4% da poboación profesa o protestantismo e o 11,6% outras relixións. A educación é obrigatoria entre os 8 e os 16 anos e obrigatoria e gratuíta entre os 7 e os 15 anos. A Lei de Escolas Primarias de 1827 regulou o sistema educativo. Conta con 2.129 escolas primarias ás que asisten 411.878 alumnos, 780 escolas secundarias e de formación profesional con 377.640 alumnos, e catro universidades e dez colexios universitarios con 187.482 alumnos.
Desenvolvemento Humano
O Índice de Desenvolvemento Humano sitúa a Noruega entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 1º posto, cun índice do 0,939). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 76 anos para os homes e de 81 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 97%; e o PNB por habitante é de 33.470 $.
Goberno e política
É monarquía constitucional e segundo a Constitución do 17 de maio de 1814, modificada en 1884, o poder lexislativo correspóndelle ao Storting (Parlamento) formado por 165 membros, elixidos para un período de 4 anos (tempo durante o que non pode disolver) mediante un sistema de representación proporcional. Divídese en dúas cámaras: o Lagting ou Cámara Alta (41 membros) e o Odelsting ou Cámara Baixa (124 membros). O poder executivo correspóndelle ao goberno formado polo Consello de Estado designado polo rei e aprobado polo Storting. O seu sistema legal baséase nunha mestura de leis civís e tradicionais. Conta cunha Corte Suprema en que os xuíces son nomeados polo rei e aceptan con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: o socialdemócrata Det Norske Arbeiderparti (Partido Laborista Noruegués, DNA); o conservador Høyre (Dereita, H); o populista Fremskrittspartiet (Partido Progresista, FrP); o democratacristián Kristelig Folkeparti (Partido do Pobo Cristiá, KrF); o socialista radical Sosialistisk Venstreparti (Partido de Esquerda Socialista, SV); o centrista e agrario Senterpartiet (Partido do Centro, Sp); o liberal Venstre (Esquerda, V); o partido dos pescadores Kystpartiet (Partido da Costa, KYST); e a extrema esquerda Rød Valgallianse (Alianza Electoral Vermella, RV). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Europa, Consello Nórdico, EBRD, EFTA, OCDE, ONU, OSCE e OTAN.
Historia
Os primeiros poboadores
Os pobos xermánicos establecidos nas rexións central e meridional de Noruega no s VIII, organizáronse en pequenos reinos tribais que no s IX unificou o Rei Harald I Hårfager. Simultaneamente, numerosos noruegueses protagonizaron un proceso expansivo que os levou ás illas Feroe, Shetland e Orcadas, desde onde pasaron ás Hébridas, ás costas de Escocia e Irlanda, a Islandia, a Groenlandia e, quizais, ao litoral atlántico de América setentrional. Ás veces as súas expedicións tiveron como obxectivo o botín, aínda que máis a miúdo buscaron terras onde se establecer. En tempos de Olavo I iniciouse a cristianización do país, que recibiu un forte impulso de Olavo II. Canuto II de Dinamarca o Grande invadiu Noruega, que conseguiu someter en 1030. Esta dominación foi efémera: en 1035 Magnus I expulsounos e cinguiu a coroa. Desde a morte do Rei Sigurd I (1130) as rivalidades entre os pretendentes ao trono e as tentativas da alta clerecía para aumentar o seu poder motivaron loitas frecuentes. A pacificación do país e a consolidación da autoridade norueguesa baixo as Orcadas, Groenlandia e Islandia foron obra de Haakon IV (1217-1263). O seu fillo Magnus VI (1263-1280) vendeu as Hébridas e a illa de Man a Escocia (1266), accedeu a unha boa parte das pretensións da alta clerecía e introduciu a organización feudal.
A unión con Suecia e Dinamarca
Magnus VII levou a cabo a primeira unión sueco-norueguesa (1319-1343) precedente da Unión de Kalmar (1397), acadada por Margarida I de Dinamarca, viúva de Haakon VI de Noruega, e que agrupou os reinos de Noruega, Suecia e Dinamarca. Tras a súa morte (1412), o difícil equilibrio crebou a favor de Dinamarca: Eric VII, Cristovo III e Cristián I, de Dinamarca, confiaron a funcionarios daneses o goberno de Noruega, que perdeu as Orcadas e as Shetland, cedidas a Escocia (1468). Dinamarca impuxo a súa lingua e a reforma luterana a Noruega (1536). Durante o s XVI os mercadores hanseáticos foron desprazados polos comerciantes holandeses. As derrotas de Dinamarca a mans dos suecos comportaron a perda das rexións de Härjedalen, Jämtland e Bohuslän (1645-1658). Durante os ss XVII e XVIII, a recuperación da mariña nacional permitiu que Noruega se liberase da tutela económica estranxeira e que as ganancias da explotación dos bosques e as minas de ferro quedasen no país. Xurdiu unha burguesía mercantil que estimulou a modernización das estruturas sociais. Esta reactivación foi parcialmente aniquilada polo bloqueo marítimo padecido durante as guerras napoleónicas, que provocaron a disolución da Unión de Kalmar. Tras o Tratado de Kiel (1814), Jean Baptiste de Bernadotte, rexente de Suecia, esixiu que Dinamarca lle concedese Noruega. O rexente danés, para impedilo, proclamou a independencia norueguesa e reuniu o Parlamento, que promulgou a Constitución de Eidsvold (maio de 1814) e o designou rei co nome de Carlos VIII de Dinamarca. Pero Inglaterra e os seus aliados apoiaron a Bernadotte e Noruega houbo de aceptar a acta de unión con Suecia (1815) con Bernadotte como rei dos dous estados co nome de Carlos XIV de Suecia. Noruega podía gozar dunha amplísima autonomía, só que a persoa do soberano e o ministerio de asuntos estranxeiros debían ser comúns.
A Noruega independente
Suecia tratou de facer prevalecer os seus intereses sobre os noruegueses e, en 1905, o Storting decidiu a ruptura da unión con Suecia. Poucos meses despois, o príncipe Carlos de Dinamarca converteuse en rei de Noruega co nome de Haakon VII (1905-1957). A prosperidade económica norueguesa facilitou un notable desenvolvemento cultural. Durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) o país mantívose neutral. En 1935 as eleccións deron o poder ao Det Norske Arbeiderparti (DNA), que o exerceu ata o momento da invasión de Noruega polas forzas hitlerianas (9 de abril de 1940). O rei e o goberno exiliáronse a Londres, e o Terceiro Reich estableceu un goberno marioneta presidido por Vidkun Quisling, dirixente do fascismo noruegués. Á capitulación de Alemaña seguiu o retorno do rei e a recuperación do poder por parte dos laboristas, ata 1965, cando unha coalición de partidos non socialistas gañou as eleccións. En 1957 Olavo V sucedeu o seu pai, Haakon VII. En 1967 o goberno de Oslo solicitou a entrada do país na Comunidade Económica Europea, pero cinco anos despois o electorado noruegués refusouno. En 1973 os laboristas recuperaron o poder, e Trygve M. Bratteli chegou a primeiro ministro. En 1976, Odvar Nordli sucedeu a Bratteli como primeiro ministro e en 1977 convocou eleccións xerais que permitiron a continuación do DNA co apoio do Sosialistisk Venstreparti. En 1981, Nordli dimitiu e Gro Harlem Brundtland substituíuno; nas eleccións xerais do mesmo ano, os partidos de centrodereita obtiveron maioría no Storting. Kaare Willoch formou un goberno conservador que en 1983 incorporou o Senterpartiet e o Kristelig Folkeparti, coalición que se mantivo no poder despois das eleccións de 1985. Por mor da baixada dos prezos do petróleo o goberno presentou un programa de austeridade económica. O Storting non aprobou (1986) o novo programa económico e o goberno de centrodereita dimitiu, o que lle permitiu aos laboristas formar un goberno socialista presidido por Gro Harlem Brundtland do DNA. Non obstante, nas eleccións de 1989, J. P. Syse, líder dunha coalición de centro, converteuse en xefe do executivo, que se disolveu ao ano seguinte. En 1991, tras a morte do Rei Olavo V, accedeu ao trono o seu fillo Harald V. Brundtland volveu ao cargo de primeira ministra, que renovou en 1993. O goberno noruegués puxo en marcha conversacións para poder acceder á Unión Europea, pero no referendo para ratificar a decisión (novembro de 1994) rexeitouse a integración. Brundtland renunciou ao seu cargo en 1996 sendo substituída por T. Jagland, líder do DNA desde 1992. Este partido reforzou a súa maioría nas eleccións xerais de 1997, se ben Jagland houbo de dimitir e ceder o goberno a unha coalición de centrodereita. Deste xeito o democratacristián Kjell Magne Bondevik converteuse en primeiro ministro, e aplicou un programa político que incluía importantes medidas sociais. En 2000, dimitiu e o laborista Jens Stoltenberg accedeu ao goberno. Ao ano seguinte Bondevik recuperou o goberno despois das eleccións de setembro, á fronte dunha coalición integrada polo partido conservador, o partido popular cristián e o partido liberal.