Norwich
Norwich
Capital do condado de Norfolk, Inglaterra, Reino Unido (121.550 h [2001]). Situada na ribeira do Wensum, na confluencia co Yare, é un centro importante grazas ao tráfico fluvial. Recordada no s X como borough da coroa, foi destruída despois polos daneses, pero floreceu na época da conquista normanda. Foi un famoso mercado de la e tecidos, e creouse como cidade condado en 1404. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral, románica (ss XI-XII), e o castelo do s XII. A comezos do s XIX o pintor J. Crome, coñecido como Old Crome, fundou a Norwich Society of Artists, orixe da escola paisaxística de Norwich, de marcado ton romántico.