Nós
Grupo intelectual e ideolóxico que se formou en Ourense ao redor de 1920 e que supuxo un avance definitivo na cultura e na lingua galegas en diversos ámbitos e xéneros. Constituído por Florentino López-Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Afonso R. Castelao, e tomando como base o Cenáculo Ourensán, todos eles tiñan en común a pertenza a unha mesma idade xeracional e a súa formación universitaria, que os levou a impulsar outro dos feitos culturais máis destacados do s XX en Galicia, a fundación do Seminario de Estudos Galegos en 1923. A eles sumáronse outros intelectuais que tamén participaron, aínda que cun protagonismo diferente, como Arturo Noguerol e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Ademais da revista Nós, creada en 1920, e que se identifica plenamente co grupo, tres obras esenciais contribúen a definir este proxecto cultural: o artigo publicado por Florentino L. Cuevillas en Nós e titulado “Dos nosos tempos” (1920), o ensaio “Nós, os inadaptados” (1933), publicado tamén en Nós por Vicente Risco, e a novela Arredor de si (1930), de R. Otero Pedrayo. Os antecedentes históricos e políticos da conformación do grupo Nós están na creación das Irmandades da Fala na Coruña o 18 de maio de 1916, que, en base á defensa dos intereses e á recuperación política e económica de Galicia, defenderon o nacionalismo como liña política necesaria para conseguir eses avances no país, abandonando case por completo o vello concepto de rexionalismo. Ademais, cómpre salientar que os membros do Cenáculo Ourensán xa participaran en iniciativas culturais como a do Ateneo de Ourense e os parladoiros da Comisión de Monumentos do Museo Provincial de Arqueoloxía de Ourense, xunto a Xulio Alonso Cuevillas e o profesor Arturo Vázquez. Influídos por Antón Losada Diéguez, o seu mérito principal reside na elaboración dunha literatura e dunha liña de investigación moderna e con vocación universal, coa dificultade engadida da escaseza de medios e instrumentos dos que dispoñían naquela época. O seu interese pola renovación da prosa galega seguindo os movementos vangardistas europeos, levounos non só á escrita das súas propias obras literarias ou ensaísticas, senón a establecer órganos colectivos, como a revista Nós, a través da que os membros do grupo divulgaban as principais novidades editoriais europeas e mundiais, e que tivo como precedente a revista La Centuria, que se fundou en Ourense en 1917. Asemade, o esforzo das editoriais Lar e Nós, iniciativas promovidas por L. Carré Alvarellos e Ánxel Casal, contribuíron á divulgación das principais obras dos membros do grupo, dirixidas especialmente a un lector medio urbano que tradicionalmente adoitaba mercar literatura en castelán. Unha das súas principais conquistas foi dotar a lingua galega dunha prosa moderna e científica, paralela á europea da época, para equilibrar a balanza que en favor da poesía se viña arrastrando desde o s XIX. Pero non só foi o apartado da prosa literaria o que medrou cuantitativa e cualitativamente, senón que o ensaio e o discurso científico tamén experimentaron notables avances, que redundaron na creación de novas escolas e novas liñas de investigación. Na literatura, seguindo o modelo de James Joyce, incrementouse a preocupación polo lector, quen pasou a ser unha parte actuante no proceso de creación da obra literaria. En canto ás influencias de autores externos a Galicia que marcaron profundamente a forma de pensar e de escribir dos membros do grupo Nós, cómpre salientar a Baudelaire, Rubén Darío, F. Nietzsche e P. Verlaine, e noutra dimensión G. Cansinos Assens, Gustav Kahn, Mallarmé, Meredith ou Rimbaud. Todos os elementos anteriormente sinalados redundaron na definición do que se deu en chamar o nacionalismo galego, explicado por Vicente Risco na súa Teoría do Nacionalismo Galego (1920), e estenderon a cultura galega máis alá das fronteiras propias de Galicia, asentaron as bases de futuras escolas de investigación etnográfica (V. Risco), xeográfica (R. Otero Pedrayo), prehistórica (F. López-Cuevillas) e da arte popular (A. R. Castelao), e posibilitaron a creación dunha prosa galega moderna, especialmente coa obra literaria de R. Otero Pedrayo.