Nós
Obradoiro tipográfico fundado na Coruña en 1927 por Ánxel Casal. Pechou en 1936. Tivo como predecesora á editorial Lar, creada polo propio Á. Casal e Leandro Carré. Funcionou como editorial para as Irmandades da Fala e como difusora da cultura galega. Desde a súa fundación imprimiu as publicacións Nós, A Nosa Terra, os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e os xornais El Momento, de curta duración e dirixido por Villar Ponte, o semanario Ser, Máis!, Universitario e Resol, ademais de numerosos libros e folletos de carácter galeguista. En 1931 trasladouse a Santiago de Compostela, onde permaneceu ata 1936. O grupo Ultreya, presidido por Álvaro de las Casas, xestouse na editorial e con ela colaborou na difusión das súas obras. Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, R. Cabanillas e Villar Ponte, e os membros do grupo Nós foron algúns dos autores vinculados a esta iniciativa, que empregaron a editorial como centro de xuntanzas e formación galeguista.