Nosa Señora da Antiga, colexio de ou do Cardeal ou da Compañía

Nosa Señora da Antiga, colexio de ou do Cardeal ou da Compañía

Construción situada en Monforte de Lemos, fundada en 1591 polo cardeal Rodrigo Fernández de Castro. O proxecto inicial foi obra do xesuíta Andrés Ruiz xunto con Veremundo Resta, pero desde 1593 dirixiu a súa construción Juan de Tolosa que modificou os planos iniciais. Este formouse con Juan de Herrera no Real Monasterio de San Lorenzo de El Escorial, o que explica a similitude entre ambas as dúas obras. Desde 1602 ata 1622, data de remate do complexo arquitectónico, dirixiu as obras Simón de Monasterio, autor das torres e do claustro. Trátase dunha construción monumental que se artella arredor da igrexa que ocupa o eixe central, e aos seus lados sitúanse as dúas ás edificadas, cada unha co seu patio. Ten planta de cruz latina cunha soa nave, á que se abren catro capelas intercomunicadas por cada lado, que simulan naves laterais. As pilastras teñen o fuste estriado e sosteñen unha cornixa voada da que sae a bóveda de canón con casetóns que cobre a nave. No cruceiro a cúpula ten forma de media laranxa. No exterior destaca a austeridade e a horizontalidade da fachada, de tres corpos, interrompida pola presenza de dúas torres cara aos extremos e polo remate que sobresae da portada. Na parte superior da fachada destaca o frontón recto en que se insire un escudo coas armas do cardeal Rodrigo Fernández de Castro. É o exemplo máis destacado de arquitectura manierista en Galicia, aínda que xa avanza o estilo barroco en elementos como as galerías laterais e a decoración e esvelteza dos pináculos da fachada.

Palabras veciñas

Nosa Lucha | Nosa Radio, A | Nosa Señora | Nosa Señora da Antiga, colexio de ou do Cardeal ou da Compañía | Nosa Señora da O | Nosa Señora de Vigo, pazo da | Nosa Terra, A