Nosa Terra, A

Nosa Terra, A

Semanario publicado na Coruña a partir do 4 de agosto de 1907. Cesou na súa primeira etapa o 27 de outubro de 1908. Dirixido por Uxío Carré Aldao, publicouse por iniciativa do sector galeguista de Solidaridad Gallega. A revista, de carácter rexionalista, anticaciquil e proagrario, usou o castelán para o contido reivindicativo, da man de Murguía e Pondal, e reservou o galego para os textos literarios, tanto en prosa como en verso, que publicaron algúns dos seus colaboradores, dos que destacaron Florencio Vaamonde Lores, M. Lugrís Freire, Pérez Placer, Francisco de Nóvoa, X. Barcia Caballero e U. Carré Aldao. Iniciou a súa segunda etapa na Coruña a partir do 4 de novembro de 1916. Apareceu baixo os subtítulos “Boletín decenal. Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal”, “Idearium da Irmandade da Fala en Galicia e nas súas colonias” (1922), “Boletín quincenal” (1923) e “Idearium das Irmandades da Fala” (1925), e tivo unha periodicidade que foi de decenal a quincenal, saíndo cada mes durante a ditadura de Primo de Rivera. Dirixido por A. Villar Ponte ata 1921 e logo por Vítor Casas, foi a primeira publicación que se definiu como nacionalista e como tal estivo elaborada só en galego. A redacción estableceuse na casa do poeta Xosé Iglesias Roura e contou coas colaboracións de R. Cabanillas, A. Castelao, V. Risco, A. Villar Ponte, Vitoriano Taibo e Ánxel Casal. Os contidos estruturáronse en dous bloques: un de información e opinión de carácter propagandístico e divulgativo, e outro de pensamento e creación literaria, con especial atención á ficción narrativa e ao teatro. As diverxencias no movemento nacionalista fixeron que, a partir de 1922, quedara como órgano de expresión do sector coruñés das Irmandades da Fala mentres o ourensán empregaba o diario La Zarpa e o boletín Rexurdimento. Na súa terceira etapa, entre febreiro de 1932 e xullo de 1936, trasladou a súa edición a Pontevedra e Santiago de Compostela. Apareceu baixo o subtítulo “Boletín do Partido Galeguista” e actuou como voceiro deste partido, unha vez que as Irmandades da Fala se disolveron e cederon a súa cabeceira ao recentemente creado Partido Galeguista (decembro de 1931). Tivo unha vida accidentada: comezou editándose cada mes en Pontevedra, pero suspendérona durante dez meses. Convertida en semanario, saíu de novo a partir de xuño de 1933. Da man de Ánxel Casal marchou a Santiago (nº 307) para volver a Pontevedra en maio de 1934 (nº 332). En outono dese ano o goberno de Lerroux suspendeuno novamente durante catro meses e reapareceu en febreiro de 1935, ata que cesou co levantamento militar de xullo de 1936. Neses anos, a dirección do xornal recaeu en Vítor Casas, A. Iglesia Alvariño, R. Suárez Picallo e, na última reaparición, de novo en Vítor Casas. Tratou temas políticos e de pensamento, culturais e educativos e, en menor medida, económicos, literarios e sociais. Dirixido á pequena burguesía ilustrada, para ela foron redactados en galego contidos doutrinais sobre o nacionalismo galego. Defensor da autonomía e da república, avogou pola modernización do país e por acadar para Galicia os seus dereitos nacionais. Coa finalización da Guerra Civil Española iniciou unha nova etapa, esta vez no exilio. A partir do 28 de xuño de 1942 editouse en Bos Aires, promovida pola Irmandade Galega de Buenos Aires, e subtitulouse “Periódico galego”, en que Castelao actuou como director e editorialista ata a súa morte. Xunto a el, destacaron E. Blanco Amor, M. Núñez Búa, Alonso Ríos e Avelino Díaz. Editada esporadicamente nos seus comezos, en xullo de 1944 comezou a saír cada mes ou cada dous meses. A partir da morte do escritor, e tras dous intentos frustrados de reactivala en 1951 e 1953, a publicación só saíu esporadicamente, a número por ano. Entre 1968 e 1972 saíron os dez últimos números. Continuadora do carácter político, doutrinario e polémico da súa predecesora en Galicia, incluíu numerosos ensaios e discursos de Castelao. A partir do 2 de decembro de 1977 publicouse como semanario en Santiago de Compostela, recuperando a cabeceira de 1907. Comezou a aparecer regularmente a partir do 27 de xaneiro de 1978 co subtítulo “Periódico galego semanal”, editado por Promocións Culturais Galegas. Esta nova etapa estivo a cargo dunha comisión composta por Xaquín Acosta, Xosé Luís Fontenla, Felipe Senén López, Manuel María, Francisco Carballo e Bautista Álvarez. Margarita Ledo Andión foi a primeira directora e impulsora do proxecto que, nos seus comezos, estivo caracterizado polas continuas referencias á soberanía política de Galicia, un seguimento da conflitividade social e a aposta pola imaxe como elemento informativo de peso. A partir de 1981 trasladou a súa redacción a Vigo, cun novo equipo dirixido a partir de 1983 por Afonso Eiré. A publicación adquiriu unha tendencia nacionalista moderada e unha forte aposta pola creación literaria. Da súa nómina de colaboradores destacaron Pilar García Negro, Darío Xohán Cabana, Xosé Mª Dobarro e Xesús González Gómez, responsable das críticas literarias desde 1981. Estas participacións incluíronse na sección “Guieiro cultural” que tamén incluíu entrevistas, traballos sobre lingua, literatura, banda deseñada ou fotografía. O xornal tamén contou coas sinaturas das principais figuras da cultura galega (Manuel Rivas, Méndez Ferrín, Álvarez Cáccamo, Díaz Pardo, Lino Braxe, Xan Bouzada, Fernán-Vello ou Antón Fraguas). Destacaron tamén os seus especiais: “A Nosa Cultura”, dedicado aos principais persoeiros da cultura galega (Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste ou Vicente Risco); “Cuardernos da Nosa Terra de Pensamento e Cultura”; “A Nosa Historia” ou “Historia da Literatura Galega”.