Nova Caledonia

Nova Caledonia

Illa do Océano Pacífico, situada a 1.400 km da costa nororiental de Australia (19.058 km2; 217.000 h [estim 2001]). Constitúe, coas súas dependencias (illas Loyauté e Chesterfield) un territorio francés de ultramar. A capital é Nouméa. É unha illa montañosa, con costas altas e rodeadas de escollos coralinos. A poboación melanesia vive dos cultivos, namentres que os europeos controlan as plantacións de café e os recursos mineiros. O níquel é a riqueza principal da illa, que representa o 97% das exportacións. Descuberta por James Cook (1774), que lle deu o nome, foi o británico Paddon o que comezou a colonización (1843), e finalmente, Febvrier Despointes (1853) tomou posesión en nome de Napoleón III de Francia. Dependente de Tahiti desde 1853, acadou a autonomía en 1860. A guerra de exterminio levada a cabo polos franceses na capital e a rebelión de 1878, reproducida en 1917, motivada polo abuso dos gandeiros sobre os agricultores aborixes, produciron o despoboamento de grandes extensións de territorio. Posteriormente establecéronse indonesios e vietnamitas. En 1957 converteuse en territorio de ultramar francés. Acadada a autonomía, realizáronse eleccións á asemblea territorial en 1984, a vitoria do partido profrancés provocou unha onda de violencia entre estes e os independentistas e, en 1985, o goberno francés suprimiu a autonomía de Nova Caledonia e estableceu unha nova división política do territorio vixente ata 1989. En 1987, mediante un referendo, o 98% da poboación mostrouse favorable á unión con Francia, pese ao 41% de abstención propugnado pola Fronte de Liberación Nacional Canaco e Socialista (FLNKS). En 1989 Francia dividiu o territorio en tres provincias (Loyanté, Norte e Sur) con cadansúa asemblea, que forma o Consello Territorial integrado por 54 membros. Ademais preveuse a celebración dun novo referendo para acadar a independencia en 1998. O Acordo de Nouméa (1998) entre o goberno de París e o FLNKS organizou as transferencias que deberían levar a unha soberanía do territorio nun prazo de 15-20 anos, e a poboación ratificou o acordo nun novo referendo (69% dos votos a favor).