Nova Escola Galega
Asociación que naceu en 1983 baixo o influxo do proceso de constitución dos Movementos de Renovación Pedagóxica (MRP). A partir dunha iniciativa do Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega (MCEPG), diversos colectivos de ensinantes debateron a conveniencia de crear unha asociación pedagóxica que refundira desde as perspectivas de construción dunha escola pública, galega e democrática, o mellor das experiencias e achegas nacidas no conxunto do movemento galego de renovación pedagóxica, e abrira novas perspectivas para a renovación e galeguización educativa. Así procedeuse, en xuño de 1983, á celebración en Santiago de Compostela da asemblea fundacional da Nova Escola Galega. Apoiaron, entre outros, esta creación os colectivos MCEPG, Albe, Avantar, Escola Aberta, Xilbarbeira, Lubricán, Escola Dramática Galega e Preescolar na Casa. Ademais dos representantes do MCEPG, Mercedes Suárez e Antón Costa, profesores como Antón Rozas, Manolo Fernández, Marilar Aleixandre, Antón Lamapereira, Lois Ferradás, Xosé Lastra, Miguel V. Freire, Paco Martín, Luis Otero, Benedicto García, Agustín F. Paz e Suso Vecino asinaron a acta fundacional. Ocuparon a súa presidencia, ademais dalgúns dos citados, Manolo Bragado, Xosé Ramos, Pepe Álvarez, Xosefina Mosquera, Xosé M. Cid, Mariló Candedo, Carmela Cons e Paco Veiga (en 2003). Entre as numerosas iniciativas que leva a cabo a Nova Escola Galega poden subliñarse as seguintes: a creación de grupos de traballo e de seminarios permanentes (lectura e escritura, educación para a paz e ambiental, galeguización, escola rural, etc); a celebración de encontros de debate e intercambio entre grupos didácticos, de escola rural, sobre a imaxe na educación -coa convocatoria dos congresos Pé de Imaxe-, de normalización linguística, etc; a celebración da Escola de Verán desde 1987; a colaboración cos departamentos municipais de educación, como co concello de Santiago cos premios Educa-Compostela; a participación e apoio a actividades comúns coa Plataforma Galega do Ensino Público -propiciada por Nova Escola Galega en 1989-, coa Plataforma de Escola Rural, a de Educación Infantil e a de Normalización Lingüística, campo en que propiciou a elaboración do modelo de normalización para o ensino; o establecemento de relacións con outros movementos estatais e internacionais -pertence á Confederación Estatal de Movimientos de Renovación Pedagógica e á Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM)-; e o apoio e colaboración con varias editoriais galegas para a elaboración de materiais didácticos, libros de texto e outros recursos bibliográficos relacionados coa educación en Galicia. A Nova Escola Galega edita a Revista Galega de Educación, desde 1986, o Boletín Novapaz, que presenta as actividades do grupo de traballo de educación para a paz, e o Boletín Interno, con 50 números editados. Tamén cómpre destacar a edición entre 1984 e 1986 do suplemento semanal de educación “A Pizarra” en Faro de Vigo e de “Na Escola”, editado polos xornais Atlántico Diario e La Región entre os anos 1986 e 1988. Recibiu o Premio da Crítica Galicia (1987) como iniciativa cultural galega.