Nova Guinea

Nova Guinea

Illa de Melanesia, situada no Océano Pacífico, ao N de Australia, e separada desta polo estreito de Torres (827.321 km2; 4 746 267 h [1990]). Repártese entre Indonesia e Papua Nova Guinea, estado independente desde 1975. Atravésaa un eixe montañoso formado pola gran cordilleira central, de 2.000 km de lonxitude e con grandes altitudes, que ao SL forma unha estreita península. Ao N da cordilleira ábrese unha ampla depresión que comprende a chaira dos vales e os lagos do Sepik, o Ramu e o Markham. Ao S da cordilleira central esténdese unha inmensa chaira aluvial, percorrida polos ríos Fly, Strickland e Kikori. Ten un clima ecuatorial, moi caloroso nas chairas. O bosque tropical húmido cobre a maior parte da chaira e as montañas, ata os 1.200 m. A máis altitude o bosque tropical húmido dá paso ao bosque de coníferas e prados. A maioría da poboación é melanesia: pigmeos nas montañas do interior, dedicados á caza e á recolección, e papús na costa, que practican unha agricultura de subsistencia. Nas chairas litorais pantanosas a base da economía é a palmeira de sagú e as bananas, xunto coa recolección, a pesca e a caza; nas chairas non pantanosas, hai unha agricultura parcialmente comercializada de cocos, pero alí subsisten os cultivos tradicionais. A explotación mineira é feble, aínda que ten xacementos de ouro, cobre e prata en Papua Nova Guinea e petróleo en Iriam Jaya. Sobre unha poboación neolítica de orixe melanesia e malaia, nos ss XIII-XIV establecéronse comerciantes malaios. Os navegantes portugueses comezaron a frecuentar a costa norte cara a 1512, e os casteláns chegaron pouco despois. En 1606 Luis Váez de Torres atravesou o estreito que levou o seu nome, pero a insularidade do territorio non foi probada ata 1762. Os holandeses, que visitaron as costas setentrionais desde o s XVI, aliáronse cos soldados de Molucas e colonizaron a parte occidental da illa desde 1828. Nesa época os australianos forzaron a Reino Unido para que anexionara a zona oriental, explorada polos ingleses. A anexión foi un feito en 1884, dous días antes de que os alemáns ocupasen a zona nordeste. En 1918 Alemaña perdeu as colonias do Pacífico, e Australia ocupou a parte alemá. En 1942 os xaponeses ocuparon a zona neerlandesa, pero os australianos detiveron a ofensiva. En 1945 Países Baixos recuperou Nova Guinea occidental, pero entre 1949 e 1963 Indonesia reivindicou a soberanía sobre este territorio, que finalmente lle foi recoñecida. A zona oriental declarouse independente de Australia en 1975, despois de conseguir a autonomía en 1973, co nome de Papua Nova Guinea.