Nova York

Nova York

Cidade do estado de New York (8.008.278 h [2000]). O núcleo definido administrativamente comprende os distritos de Bronx, Brooklyn, Manhattan, Queens e Richmond. A aglomeración urbana esténdese ao estado de New Jersey, e, xunto coas de Toquio e México, é a máis grande do mundo. A localización portuaria é un dos elementos básicos de expansión de Nova York. Outro factor de desenvolvemento foi a súa localización na desembocadura do Hudson, navegable ata Albany e, a través do Mohawk, afluente seu, ata a área dos lagos Erie e Ontario. A expansión de Nova York, iniciada a raíz da independencia de EE UU, aumentou extraordinariamente a partir de 1860, coa rápida urbanización de Manhattan cara ao límite sur de Central Park. A poboación, moi cosmopolita, a causa da variedade de procedencia dos inmigrantes, pasou de 830.000 h en 1860 a 3.440.000 en 1900. A partir de 1930 iniciouse a formación de guetos, como o negro de Harlem. A cidade ocupa o primeiro lugar de EE UU no que respecta ao sector industrial, onde predominan as ramas da confección, construcións eléctricas, industria química, maquinaria de oficina, ademais da industria alimentaria. Coa técnica dos piers o espazo portuario esténdese máis de 1.000 km, con diferentes sectores especializados. Dentro do sector terciario destacan as actividades comerciais, as aseguradoras, a banca e as actividades financeiras en xeral, centradas no sector de Manhattan, contorno de Wall Street, que constitúen o Financial Distrit. Manhattan presenta unha gran diversificación: ao lado da zona dos rañaceos, centro administrativo e de negocios, esténdense barrios típicos, como os de Chinatown, Little Italy e o Bowery e, máis ao N, Greenwich Village, barrio dos artistas. O Midtown é o sector de prestixio, coas rúas 34 e 42, a Quinta Avenida, o edificio da ONU, Broadway, Times Square e Park Madison Avenue. O Uptown está dividido no Wets Side e no East Side, onde están os barrios negros e de portorriqueños. O distrito de Brooklyn presenta unha gran variedade étnica e social; o Bronx volve estar moi diversificado: barrios ricos á beira do Hudson, sectores de clases medias entre Bronx e Park e Pelham Bay Park e barrios de negros e portorriqueños no centro. Giovanni da Verrazzano foi o descubridor da baía de Nova York, Henry Hudson explorou o río en 1609, e en 1613 o holandés Adriaen Block fundou un establecemento na illa de Manhattan. En 1626 o gobernador Peter Minuit comproulle Manhattan aos indios e fundou Fort Amsterdam, que axiña se chamou New Amsterdam. En 1640 chegaron emigrantes ingleses e suecos e en 1664 unha expedición inglesa ocupou a cidade. Aínda que ao principio a cidade vivía sobre todo da agricultura, o comercio contribuíu máis ao seu crecemento no s XVIII. Durante a Guerra de Independencia participou activamente na loita, a pesar de que foi ocupada polas tropas británicas entre 1776 e 1783. A finais do s XVIII a produción industrial, agrícola, gandeira e mineira das comarcas do interior atopou saída polo porto, feito que axudou a converter a cidade nun gran centro financeiro. A construción do ferrocarril tamén contribuíu á súa expansión. A crise de 1857 e a Guerra de Secesión pararon o crecemento, mais ao acabar o conflito, Nova York superou definitivamente os outros portos atlánticos. O proxecto de unión entre Nova York e as cidades veciñas de Brooklyn e Queens, entre outras, non culminou ata 1895, e en 1898 foi construída a gran Nova York, dividida en cinco distritos: Manhattan, Queens, Brooklyn, Richmond e Bronx. En 1963 obtivo unha carta municipal que lle outorgaba unha certa autonomía, pero as enormes complexidades urbanísticas, sociais e políticas dunha poboación duns vinte millóns de habitantes levaron as finanzas municipais á quebra en 1975, aínda que a partir da década de 1980 se produciu unha recuperación financeira da cidade. O 11 de setembro de 2001 produciuse o secuestro por parte de terroristas de dous avións que fixeron estrelar contra as torres xemelgas do Worl Trade Center. Ambos os dous edificios caeron derrubados, feito que provocou un elevado número de vítimas. En canto ao seu patrimonio cultural, dos edificios principais de arquitectura relixiosa hai que destacar a igrexa neoclásica de Saint Paul (1764) e as igrexas neogóticas Trinity Church (1840) e a catedral católica de Saint Patrick (1858). Das construcións civís destaca o Brooklyn Bridge (1883), os edificios Barclay, Chrysler, Empire State, o Rockefeller Center, o Lincoln Center, o Seagram e o Metropolitan Opera House, ademais da estatua A liberdade iluminando o mundo situada no porto. Entre os numerosos museos sobresaen o Metropolitan Museum of Art, o Museum of Modern Art (MOMA), o Solomon R. Guggenheim Museum, o Hispanic Society of America Museum e o Cloisters.