Nova Zelanda
Estado de Oceanía, situado a uns 1.750 km ao SL de Australia (268.021 km2; 3.737.277 h [2001]). É un arquipélago formado por dúas illas principais, a illa do Norte e a illa do Sur, polas illas Stewart e Chatham e por diversos illotes. A capital é Wellington.
Xeografía física
O corazón da illa do Norte está formado por un altiplano volcánico. Álzanse diversos volcáns e hai fenómenos de vulcanismo secundario. O val do Waikato, o río principal, é unha das rexións máis fértiles. A illa do Sur está percorrida pola cordilleira dos Alpes Neozelandeses, que acada a súa maior altitude no monte Cook de 3.764 m. O descenso brusco da montaña, no O, orixina costas abruptas e recortadas. O clima é marítimo con temperaturas moderadas que varían de N a S (as medias de xullo son de 11,4°C en Auckland e 6,1°C en Dunedin, e en xaneiro de 18,7°C en Auckland e 14,5°C en Dunedin), unha humidade elevada e precipitacións abundantes (1.081 mm en Auckland). En altitudes elevadas é frecuente a presenza de glaciares. Na illa do Norte ten moita importancia a selva pluvial subtropical. As selvas pluviais temperadas con coníferas austrais esténdense case ata o extremo meridional da illa do Sur, onde medran as faias antárticas. Na montaña o bosque transfórmase nunha matogueira e, máis arriba, en comunidades herbáceas de tussock.
Xeografía económica
O país ten un nivel de vida e benestar social dos máis elevados do mundo, aínda que está pouco industrializado. A economía é eminentemente agraria e a riqueza principal do país é a gandaría, que se basea nos prados e pastos (51%). É un dos principais países exportadores de produtos gandeiros. Os cultivos principais son os cereais, o millo, a vide, o tabaco, os legumes, as árbores froiteiras, as hortalizas e a forraxe. A explotación forestal recibiu un gran pulo coa plantación de coníferas estranxeiras. Tamén se desenvolve a pesca (peixes, moluscos, crustáceos, anguías). Os recursos minerais son limitados, extráese ouro e ferro. Como minerais non metálicos destaca o silicio, as calcarias para o cemento e a construción, a bentonita e o sal. Destaca a extracción de moitos minerais enerxéticos como hulla e lignito, petróleo e, sobre todo, gas natural. A enerxía eléctrica é de orixe térmica de carbón, xeotérmica e hidráulica. As industrias fundamentais son as de transformación de produtos agrícolas e forestais. Outras industrias son a química, a construción, o calzado, o cemento e as refinarías de petróleo. Conta cunhas boas comunicacións terrestres e hai servizos que atravesan o estreito de Cook de forma continua. Isto fai de Wellington un gran porto de paso, mentres que para as mercadorías destacan os de Wanganui e Auckland. O aeroporto máis transitado é o de Auckland. O comercio exterior baséase na importación de petróleo bruto e refinado, maquinaria industrial e eléctrica, automóbiles, téxtil, ferro, aceiro e plásticos, e na exportación de carne, la, manteiga, madeira e derivados, froita, hortalizas, peles e coiros. Os provedores e clientes principais son Xapón, Australia e EE UU.
Xeografía humana
O 73’8% da poboación é de orixe europea. O aumento da poboación débese ao crecemento natural (7,9‰), a diferenza do que ocorreu cara a 1880 que foi froito da inmigración. É destacable o desenvolvemento urbano, xa que a poboación que vive nas cidades acada o 85,5%. As illas Cook, Niue, Tokelau e a Ross Dependency son asociados a Nova Zelanda.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos neozelandeses, que representa o 71,7% da poboación. Outros grupos importantes son os maorís (14,2%) e os polinesios (4,8%). As linguas oficiais son o inglés e o maorí. O 17,7% da poboación é protestante, o 17,4% anglicana, o 13% católica, o 2,1% outros cristiáns, o 24,8% ateos e doutras relixións o 25%. A educación é obrigatoria entre os 6 e 16 anos, e o ensino público é gratuíto desde os 5 ata os 19 anos. Respecto á ensinanza superior, conta con sete universidades e numerosas escolas politécnicas. Ademais existen programas de educación continuada para adultos.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano situaba a Nova Zelanda entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 19º posto, cun índice do 0,913). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 76 anos para os homes e de 81 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 99%; e o PNB por habitante é de 13.990 $.
Goberno e política
Antiga colonia británica, constituíuse en estado independente no ámbito da Commonwealth en 1931. Formou unha democracia parlamentaria que ten a monarquía británica como xefe de estado aínda que delega nun gobernador xeral que designa o Consello de Ministros. O poder lexislativo está formado por un órgano unicameral denominado House of Representatives formado por 120 membros, que son elixidos por sufraxio universal para un período de 3 anos. O sistema legal baséase na lexislación inglesa con normas especiais para os maorís e acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. As principais forzas políticas son: o socialdemócrata New Zealand Labour Party (NZLP), o conservador New Zealand National Party (NP), o nacionalista New Zealand First Party (NZFP), o liberal Association of Consumers and Taxpayers New Zealand (ACT), o ecoloxista Green Party of Aotearoa New Zealand (GPA), o centrista United Future New Zealand (UF) e o democratacristián Christian Heritage Party of New Zealand (CHP). Forma parte das seguintes organizacións internacionais: ANZUS, Commonwealth, Comunidade do Pacífico, Cooperación Económica Asia Pacífico, ERBD, OCDE e ONU.
Historia
Habitado por tribos maorís, o arquipélago foi descuberto en 1642 polo holandés Abel Tassman, que lle deu o nome. En 1769 o almirante inglés James Cook tomou posesión en nome do Rei Xurxo III de Inglaterra, pero as illas non foron colonizadas a causa da hostilidade dos maorís. No s XVIII converteuse en base pesqueira e establecéronse lazos comerciais coa metrópole británica. Xunto cos pescadores chegaron cazadores, expresidiarios australianos, aventureiros e traficantes británicos, franceses e estadounidenses. A industria baleeira orixinou algúns núcleos habitados cara a 1830 sen orde nin autoridade ata que en 1833 se nomeou o primeiro comisario británico. Tras varios intentos de anexión por parte dos franceses e as loitas dos australianos contra os maorís en 1842 converteuse en colonia británica. O incumprimento do pacto por parte dos colonos provocou as Guerras Maorís (1843-1849 e 1859-1870). O descubrimento de ouro en 1862 provocou unha nova achega inmigratoria e unha forte expansión da economía agropecuaria. En 1868 foi destituído o gobernador Georges Grey, o verdadeiro colonizador de Nova Zelanda. O goberno, controlado polos pequenos propietarios a través do sufraxio universal desde 1889, promulgou leis laborais e sociais e impulsou a economía e a demografía. En 1907 converteuse en dominio, e en 1931 constituíuse en estado independente no seo da Commonwealth. Participou na Primeira Guera Mundial e en 1919 ocupou Samoa. Loitou contra os xaponeses entre 1942 e 1945 e en 1962 concedeulle a independencia a Samoa. En decembro de 1972 acadou o poder o NZLP e Norman E. Kirk converteuse en primeiro ministro. O novo goberno retirou o país da Organización do Tratado do Sueste Asiático (OTASE) e estableceu relacións diplomáticas con China. En 1974 foi elixido primeiro ministro Wallace E. Rowling, do mesmo partido. Desde 1975 a 1984 gobernou o NP con Robert D. Muldoon como primeiro ministro. A partir de 1984 ocupou o cargo de primeiro ministro o laborista David Lange, que pola súa política antinuclear viu como o país era expulsado do ANZUS en 1986. Ao ano seguinte os laboristas volveron acadar a maioría absoluta, pero desde 1990 gobernou o NP, con James B. Bolger, reelixido en 1993 como primeiro ministro. O nivel económico mellorou coa aplicación dun programa económico neoliberal, a pesar das importantes protestas populares. Os disturbios provocados polos maorís conseguiron que en 1995 o goberno lles devolvese máis de 500.000 km2de terras ilegalmente ocupadas polos colonos europeos desde 1860. En 1996 celebráronse as primeiras eleccións cun sistema electoral proporcional. O NP conservou o poder, aínda que tivo que formar coalición co NZFP liderado por Winston Peters, populista conservador e de orixe maorí. O problema principal nas súas relacións exteriores é a súa política antinuclear, que lle trouxo graves crises con EE UU. As relacións con Francia, moi deterioradas polo caso do afundimento do Rainbow Warrior en 1985, melloraron ata que Francia decidiu reiniciar as probas nucleares no Pacífico Sur en 1995, finalmente paralizadas a principios de 1996. Desde 1995, Helen Clark, do NZLP, ocupa o cargo de primeira ministra.