Novo México

Novo México

Estado de EE UU, situado na fronteira con México (314.925 km2; 1.819.046 h [2000]). A capital é Santa Fe. Comprende a parte sur das Montañas Rochosas e unha parte do altiplano do Colorado, donde o relevo é moi accidentado, con altitudes superiores a 3.000 m. O sector suroeste está constituído polo Llano Estacado. O clima é semiárido. O río Bravo, o máis importante, atravesa o estado de N a S, xunto co Canadian River e o Pecos. Ten depósitos mineiros de uranio, petróleo, chumbo, gas natural, carbón, cobre e sales potásicos. Explorado por Álvar Núñez Cabeza de Vaca en 1536, o territorio foi colonizado por Juan de Oñate en 1598. No s XVIII a colonización estivo a cargo dos franciscanos, o que provocou enfrontamentos coas autoridades civís. A revolta dos pobos indios entre 1680 e 1692 foi sufocada polo capitán xeral Diego de Vargas, pero os conflitos cos indios e os franceses persistiron. En 1821 pasou a formar parte de México, pero, invadido entre 1846 e 1848 polos estadounidenses, foi cedido a EE UU polo Tratado de Guadalupe-Hidalgo e en 1850 converteuse en territorio deste. Tras a guerra civil, os indios apaches e navajos renovaron a súa resistencia a finais de 1885. En 1912 converteuse no estado 47 da Unión.