Nóvoa Basallo, Ignacio
Escultor. Os seus referentes plásticos iniciais foron Henry Moore, Brâncuşi e posteriormente Julio González. Interesouse pola técnica da soldadura na escultura en ferro para trasladala á madeira, mediante a ensamblaxe a partir dun tronco principal, cun sentido construtivo parecido ao que se utiliza para a carpintaría tradicional. A súa carreira artística iniciouse a comezos da década de 1970 con escultura figurativa en madeira. Posteriormente traballou con fragmentos de taboleiros e vigas estragados que reciclaba e manipulaba lixeiramente, para superpoñelos e encaixalos nunha nova linguaxe de signo abstracto. Formou parte da renovación plástica de Galicia na década de 1980, e a presentación da súa obra fíxose a través do Grupo Atlántica. Iniciou entón unha proposta plástica inspirada no mundo autóctono e artesanal para o que recolleu trebellos agrícolas que reinterpretou con leves intervencións. A utilización de materiais de refugallo combinouse co emprego da madeira, ás veces ensamblada dun xeito tradicional que entronca co oficio da carpintaría. Depurou a súa linguaxe e conseguiu formas máis esveltas e reducionistas, á vez que ampliou os recursos nas articulacións cara a xogos máis complexos na espacialidade. Así decantouse, na década de 1990, polas esculturas de vulto redondo logradas a partir do uso do metal en variñas, e outras coa manipulación de obxectos preexistentes, nas que se percibe un carácter lúdico. As súas montaxes alternan con algunhas intervencións na arquitectura, como por exemplo no complexo parroquial de Fontiñas (Santiago de Compostela), xunto ao arquitecto Iago Seara. Ademais de numerosos debuxos, da súa obra destaca Gastallo, Fenda zoupada, Aixolada con berbios e Trave de xuntura.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense