Novoneyra, Uxío
Escritor. Fillo dunha familia de labregos, a súa terra natal vai ser o principal referente para os seus versos, en que aparece unha anovadora visión da paisaxe, que entronca indirectamente coa liña paisaxista galega de X. Crecente Vega, A. Iglesia Alvariño e A. Noriega Varela. Comprometido nalgúns escritos co nacionalismo de esquerdas, presentou unha visión moi íntima da paisaxe, onde o Courel foi a referencia para a maior parte das súas composicións. Durante os seus estudos de bacharelato cultivou a poesía en castelán e posteriormente marchou a Madrid para cursar filosofía e letras. Ao seu regreso a Galicia coñeceu a diversos intelectuais relacionados co galeguismo, como Carlos Maside, Ramón Piñeiro ou R. Otero Pedrayo, o que motivou que se decidira a escribir en galego. Durante o período 1952-1963 permaneceu no Courel debido á febleza da súa saúde, e escribiu os seus primeiros libros de poemas Os eidos (1955), con prólogo de Ramón Piñeiro, e co que comezou un ciclo poético que retomará en Elegías del Caurel y otros poemas (1974), en edición bilingüe; Os eidos 2 (1974), en que incorporou debuxos de Laxeiro; e Poemas caligráficos (1979), con prólogo e ilustracións de Reimundo Patiño, e onde aparecen textos vinculados ao grupo Brais Pinto. Na década de 1980 recompilou e depurou o seu ciclo de poemas da natureza courelá que integrou nun único volume Os eidos. Libro do Courel (1981), que tivo ao longo dos anos diferentes reedicións. En 1983 estableceuse definitivamente en Santiago de Compostela, presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega e organizou a súa obra en base a unha recompilación temática da súa produción poética completa. Froito dese traballo son as publicacións de Muller pra lonxe (1987), en que reuniu os poemas paixonais e amorosos, e Do Courel a Compostela 1956-1986 (1989), con composicións de temática política, que van acompañados dunha antoloxía crítica. Máis tarde publicou O cubil do xabarín (1990), Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994) e Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998). Colaborador de diversas publicacións periódicas, foi un destacado recitador, ben dos seus propios poemas, ben das composicións da súa amiga María Mariño Carou. Na súa obra obsérvanse dúas liñas temáticas e formais; unha poesía íntima e paisaxística e outra máis combativa, ligada ao seu compromiso nacionalista de ideoloxía marxista, sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e pola linguaxe, investigando na materia lírica ata conseguir o mellor resultado visual e, sobre todo, sonoro para os seus textos. Ao primeiro grupo pertencen os poemarios Os Eidos (1955), Elexías do Courel e outros poemas (1966) e Os Eidos 2 (1981). Neles amosou unha simbiose entre o home e a natureza, coa utilización do fonosimbolismo, o seu recurso máis persoal, en que inclúe composicións breves en que procuraba a esencia. O poema “Viet Nam canto” (1968) iniciou a súa vertente máis social, cunha fonda preocupación polo destino da colectividade e do propio país. A nova temática fixo que explorase novas formas, e así escribiu tipogramas, “Letanía de Galicia” (1970), ou poemas manuscritos, que plasmou en Poemas caligráficos (1980).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Parada de Moreda, O Courel -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela