Nueva Galicia

Nueva Galicia

Semanario publicado en Madrid a partir do 17 de maio de 1937. Cesou en novembro de 1938, despois de trasladar a súa redacción a Barcelona por mor da guerra en xaneiro dese ano. Subtitulado “Portavoz de los antifascistas gallegos”, estivo dirixido por Xosé Gómez Gayoso e Manuel Moure. De tendencia comunista e antifascista, apoiou a Segunda República e fixo chamamentos para que os galegos se unisen e traballasen pola liberación de Galicia e pola creación do Frente Popular Antifascista Gallego. Nel colaboraron Ramón Cabanillas, Arturo Cuadrado ou Basilio Álvarez, promotor de El miliciano gallego, co que o semanario acabaría converxendo tras un período de convivencia de dous meses. En setembro de 1937 Castelao incorporouse á revista cos seus debuxos de guerra e textos de denuncia das atrocidades cometidas polos falanxistas en Galicia.