Numancia
Antigo poboamento ou cidade dos celtiberos, famosa porque constituíu un dos centros principais da resistencia deste pobo contra a ocupación romana durante o s II a C. As ruínas, escavadas en boa parte, están no Cerro de Garray, preto de Soria. O seu poboamento remóntase ao Bronce. No momento da conquista romana era a capital dos arevacos. A primeira fase da loita provocouna o acollemento que os numantinos deron aos belos que loitaban contra os romanos. Numancia foi atacada, mais chegouse a unha paz negociada (151 a C). A segunda fase da loita derivou do alzamento de Viriato, a quen os celtiberos se uniron (143 a C). Despois de resistir diversos ataques, Publio Cornelio Escipión Emiliano, que acababa de arrasar Cartago, estableceu un asedio sólido durante dez anos ata que Numancia tivo que renderse pola fame (133 a C). Durante a época romana a cidade continuou existindo. As súas ruínas amosan a organización da cidade ao redor de dúas rúas paralelas, cruzadas por outras once, de xeito que forman unha cuadrícula uniforme, sen prazas. A parte occidental está rodeada por unha rúa redonda. Estaba amurallada.