numeración

numeración

(< número)

  1. s f [MAT]
    1. Acción e efecto de numerar.

    2. Arte de expresar todos os números cun conxunto finito de palabras e de signos. O sistema de numeración do antigo Exipto era decimal, ou de base 10, é dicir, contábase por unidades, decenas, centenas, etc. O sistema de numeración babilónico era de base sesenta e xa utilizaba unha notación posicional. O sistema de numeración da antiga Grecia era tamén decimal. Nos s III a C os gregos introduciron outro sistema de numeración, con cifras que eran as 24 letras do seu alfabeto e mais tres letras dun alfabeto antigo. Este sistema permitía simbolizar números moi grandes con poucas cifras. O sistema de numeración romana, que aínda se emprega nalgúns aspectos da vida cotiá, é tamén decimal. Os números 1, 5, 10, 50, 100, 500 e 1.000 foron representados polas letras I, V, X, L, C, D e M, respectivamente. Desde o Renacemento os números 4, 9, e 400 represéntanse por IV, IX e CD, respectivamente, é dicir, restando o valor inferior do signo antecedente do superior que segue. O sistema de numeración que se utiliza actualmente é tamén decimal, e parece que foi inventado na India e transmitido a Europa polos árabes (arábico), por iso é denominado sistema de numeración indo-arábigo ou ben sistema de numeración árabe, ou tamén sistema de numeración decimal. Este sistema utiliza unha notación posicional, e a gran vantaxe é a introdución do cero cun dobre fin: indicar a nulidade e facer que a notación posicional non sexa ambigua. De dereita a esquerda, os díxitos consecutivos que constitúen un número representan, respectivamente, as unidades, as decenas, as centenas, os millares, etc. Así, por exemplo, o 302 é o símbolo do número 2 · 1 + 0 · 10 + 3 · 10 2 . Parece que a elección do 10 como base é debida ao simple feito de que o home ten dez dedos nas mans. Actualmente, e sobre todo nos procesos aritméticos relacionados cos ordenadores ou coa lóxica electrónica, son empregados o sistema binario, o sistema octal e o sistema hexadecimal.

  2. s f [TÉXT]

    Expresión numérica do grosor dos fíos baseada na relación entre o peso e a lonxitude correspondente. Hai moitos sistemas de numeración, segundo as unidades empregadas, pero todas elas poden ser clasificadas en dous grandes grupos, o sistema directo e o sistema inverso. O sistema directo dá o peso por unidade de lonxitude e é aplicado principalmente aos fíos de filamento continuo (seda, raión, filamentos sintéticos), pero tamén ao algodón e á la cardada. No sistema decimal emprégase como unidade o tex, que é tamén o número de gramos que pesa unha madeixa de 1.000 m, que ten moitos múltiplos e submúltiplos. O sistema inverso é a lonxitude por unidade de peso, e é aplicado principalmente aos fíos de fibras descontinuas (algodón, la, fibras artificiais sintéticas, entre outras). No sistema decimal emprégase como peso constante o quilogramo, e o número é o número de quilómetros de fío por quilogramo ou de metros por gramo, e é expresado polo símbolo m/m (mil metros).

Palabras veciñas

numerábel | numerabilidade | numerable | numeración | numerador -ra | numeradora | numeral