Nunes, José Joaquim
Filólogo portugués. Realizou estudos eclesiásicos e foi ordenado sacerdote. Desde 1889 exerceu como capelán militar e tivo como destino Lagos, Santarém e Beja. Paralelamente, comezou a desempeñar a súa carreira docente. En 1910 abandonou o sacerdocio e pasou a dedicarse definitivamente á docencia. Participou nas deliberacións da Comisión para a Reforma Ortográfica, da que foi secretario. En 1913 foi nomeado socio correspondente da Academia de Ciências de Lisboa e, ao ano seguinte, profesor extraordinario de filoloxía clásica da facultade de Letras de Lisboa -en 1929 ocupou o cargo de director-. Foi un dos impulsores da filoloxía portuguesa; destacan, sobre todo, as investigacións dialectolóxicas, os estudos de gramática histórica e as edicións de textos medievais. Da súa produción destacan Chrestomatia archaica (1906), Compêndio de gramática histórica portuguesa (1919), Cantigas d amigo dos trovadores galego-portugueses (1926-1928), Evolução da língua portuguesa (1926), Digressões lexicológicas (1928), Cancioneiro de D. Denis (1930), Cantigas d amor dos trovadores galego-portugueses (1932) e Florilégio da literatura portuguesa arcaica (1932).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Portimão -
Deceso
Lugar : Lisboa