Núñez Muñoz, Carlos

Núñez Muñoz, Carlos

Músico e compositor. Comezou a súa formación musical con oito anos. Formou parte do Grupo Didáctico da Universidade Popular de Vigo, co que gravou un disco triplo didáctico, e da Banda de Gaitas Xarabal, ambas formacións dirixidas polo mestre Antón Corral. En 1989 gravou co grupo irlandés The Chieftains a banda sonora do filme A Illa do Tesouro, co que principiou un percorrido de universalización da música galega. Foi profesor de gaita e frauta de pico no Conservatorio Superior de Música de Vigo, obtivo o Premio Extraordinario Fin de Carreira de frauta de pico no Conservatorio Superior de Música de Madrid e gañou varias edicións consecutivas do Premio Macallan para solistas de gaita do Festival Interceltique de Lorient. A comezos da década de 1990 creou, xunto con outros músicos procedentes da súa etapa na Universidade Popular de Vigo, o grupo de música folk Matto Congrio. A partir de 1994 iniciou a súa andaina co seu propio grupo, co que explorou as conexións da música galega coas do resto do mundo, especialmente as de raíz celta, pero tamén a latina, o flamenco, a oriental e clásica, e intensificou a súa relación co grupo The Chieftains, co que gravou Santiago, disco dedicado á música galega, e co que obtivo un premio Grammy. Actuou con The Chieftains no Carnegie Hall de Nova York e no Royal Albert Hall de Londres, e xa co seu propio grupo no Sydney Opera House e no Xubileu do 2000 en Roma. Nos seus discos participaron, xeralmente interpretando música galega, artistas como Vicente Amigo, Jackson Browne, Montserrat Caballé, Luz Casal, The Chieftains, Ry Cooder, Carmen Linares, Noa, Dulce Pontes, Jordi Savall ou Alan Stivell. Autor dos traballos discográficos A irmandade das estrelas (1996, disco de platino), Os amores libres (1999, dobre platino), Mayo longo (2000, disco de ouro), o recompilatorio Todos os mundos (2002) e Almas de Fisterra (2003), colaborou na banda sonora do filme Mar adentro (2004). Recibiu numerosos premios, entre os que destacan o Premio Sabetia-Ter, o Preises der Deustschen Schallplattenkritik, o Premio Ondas ao mellor artista en directo, o Premio da Crítica de Galicia e a Vieira de Prata, e foi nominado en dúas ocasións aos Grammy latinos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo